A publicación componse de dez colaboracións

O libro presentado en Ribeira, do que se editaron dous mil exemplares, está composto por dez artigos asinados por outros tantos colaboradores. O volume arranca cunha achega de Carlota García Paz, quen escribe sobre as características xeolóxicas da península barbancesa.

O director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, fala nesta obra da contribución da explotación de San Finx á historia mineira de Barbanza. Sobre esta prospección fai tamén un artigo o técnico de Cultura de Ribeira Unai González Suárez.

Outra das colaboradoras é a catedrática de xeografía e historia Blanca Caamaño, que achegou un traballo sobre as minas de estaño de Lampón. Pola súa banda, o servizo de Protección Civil de Boiro elaborou un artigo sobre os pozos, as galerías e as sondaxes realizadas nos montes do municipio.

As explotación existentes en Moimenta e Bealo son analizadas neste volume polo persoal do Faiado, mentres que Alberto Figueira escribe sobre os traballadores de Bealo en San Finx, e Xurxo Ayán fala de etnoarqueoloxía e paleometalurxia dos castros de Neixón.

Na obra tamén se analiza a importancia que tivo a minería no territorio ribeirense. Así, a arqueóloga e antropóloga Ana Filgueiras asina o artigo Vivencias do volframio na enseada de Corrubedo . Tamén se inclúe un traballo de campo realizado polo Faiado no ano 2006.

Completa este volume unha colaboración do escritor Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, que trata sobre a minería na posguerra en Porto do son.

Votación
1 votos
Etiquetas
Protección Civil Comarca do Barbanza Ribeira Boiro