Os equipos de normalización lingüística consideran alarmante a desgaleguización na comarca


A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza presentou onte un adianto dos resultados dunhas enquisas levadas a cabo nos últimos meses. Entre as conclusións que sacaron do estudo destaca a «preocupante desgaleguización da mocidade da comarca», subliñou Valentina Formoso, integrante do equipo do Instituto Félix Muriel de Rianxo.

Aínda que matizou que a análise das enquisas, que se realizaron para coñecer a situación real do galego entre os alumnos, as súas familias e o profesorado da bisbarra, está por rematar, asegurou que o descenso no uso da lingua é preocupante, especialmente nos municipios de A Pobra e Ribeira. Esta tendencia tamén se percibe nos concellos máis galeguizados, coma Rianxo.

Ademais, a Coordinadora puido constatar que son os alumnos de menor idade os que máis falan castelán, sendo as aulas dos cursos de bacharelato nas que máis se escoita o galego.

As preguntas sociolingüísticas realizáronse nos máis de vinte centros integrados na Coordinadora de Equipos de Normalización e son unha das primeiras accións postas en marcha por este colectivo de recente creación.

Miguel Louzao, representante do Instituto Coroso de Ribeira, explicou que a idea de agrupar aos distintos equipos xurdiu porque «o traballo a prol da lingua que estabamos a facer dende os centros era illado, sen conexión co de outros departamentos e, moitas veces, repetido». Por iso, explica, decidiron unirse para «sacar maior rendemento aos nosos esforzos».

Un dos froitos destes primeiros meses de traballo será a participación de todos os alumnos dos centros agrupados na Coordinadora no Correlingua, que terá lugar en Ribeira o vindeiro 7 de maio.

Na carreira a prol do galego, participarán uns 1.500 rapaces de toda a comarca, que completarán un percorrido duns 300 metros dende a praza do Concello ata o Malecón, pasando pola rúa Rosalía de Castro. A actuación do Xabarín Club porá o punto e final ao programa de actividades.

Votación
6 votos
Etiquetas
Comarca do Barbanza Normalización lingüística Rianxo Xabarín Club