Outes retorna á Idade Media

J.?M. Sande

BARBANZA

Na vila recala estes días a exposición artística «Xente no camiño», de Alfredo Erias, que evoca esa etapa histórica

20 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A vila de A Serra, en Outes, dou cabida este martes á apertura dunha exquisita mostra pictórica que, de seguro, achegará aos veciños á Idade Media, cunha mestura única de arte e historia épica. A deputada provincial Caridad González foi a encargada de presidir a inauguración. A colección Xente no Camiño , de Alfredo Erias, poderá visitarse na casa da cultura, en horario de mañá e tarde, durante o que queda de mes. A presidenta da comisión coruñesa de Cultura encomiou a calidade da mostra exposta, e comprometeuse a tentar potenciar as actividades culturais nas comarcas do Barbanza, Muros e Noia.

Personalidades

O alcalde de Outes, Carlos López Crespo, tamén acudiu á presentación da exposición, e estivo acompañado en todo momento por directivos dos colectivos culturais do municipio. Despois de agradecer á Deputación que se lembrara de Outes na xira desta mostra, a muradá González Cerviño animou aos veciños a dirixirse ao departamento provincial de Cultura para buscar apoios e levar a cabo a gran cantidade de iniciativas que teñen.

O autor das obras, Alfredo Erias, pasou logo a explicar cada un dos 22 cadros que integran a exposición, e aceptou encantado todas as propostas e comentarios que lle fixeron os numerosos curiosos que alí se congregaron. O pintor resumiu a colección dicindo: «Tentei reproducir a Galicia Medieval, a través dos persoeiros que aparecen en diversos escenarios, principalmente en recintos sacros».

Para Erias, nesa época da historia, Galicia era unha rexión profundamente unida a Europa grazas á influencia do Camiño de Santiago, que favorecía o intercambio sociocultural entre os pobos comunitarios. Así, sinalou: «As modas, as vestimentas de donas e cabaleiros, e mesmo os costumes das xentes galegas aseméllanse nesa etapa, ás que podíamos atopar en Francia, Alemaña ou Italia».

Dimensións

Todos os cadros son de gran formato e teñen un vistoso colorido. Reproducen, na súa gran maioría, personaxes célebres da época, en especial nobres e guerreiros, aínda que tamén se poden atopar elementos simbólicos e figurativos, mostras de oficios, e mesmo alegorías relixiosas ou relacionadas coas máis fervorosas crenzas católicas.

Así, entre as imaxes individuais se poden contemplar nomes tales coma Frei Álvaro de Quiroga, Pero Fernández de Párega, Juán de Nóboa, Alfonso de Carballido, Paio Gómez Chariño, Lourenzo Ares Loureiro, Fernán Díaz de Rivadeneira e Fernán Pérez de Andrade, entre outros. Tamén se reproducen escenas de caza, música, e paisaxes cotiás na rúa.

Temática

Esta colección vén a completar unha primeira entrega do mesmo autor sobre un tema bastante recorrente para os artistas galegos: o Camiño de Santiago.

O seu éxito foi tal que a mostra xa percorreu diversas vilas e salas de exposicións chegando, incluso, á sede do Parlamento europeo en Bruxelas.

Alfredo Erias non quixo pronunciarse sobre se haberá unha terceira entrega de obras do mesmo corte e temática, aínda que tampouco esgotou dita posibilidade. O que está claro é que este artista é unha viva mostra do amor pola cultura e a historia de Galicia.