«Independentemente de quen gobernase, dende o Concello sempre nos apoiaron»

La Voz

BARBANZA

02 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Que uns arqueólogos leven cinco anos traballando, cada verán, en Neixón debe agradecérselle a varias institucións, e Ayán non se esquece delas. -Escavar custa cartos. De feito, moitos arqueólogos quéixanse de que as axudas chegan a contagotas. -No noso caso teño que dicir que estamos aquí grazas a varias institucións. E que, por exemplo, independentemente de quen gobernase, dende o Concello de Boiro sempre nos apoiaron. O que pasa é que tamén se ten que ver que o traballo que se fai é de utilidade para a comunidade. -¿E vostede considera que si que o é? -Eu podo dicir que pouco antes de chegar nós a Neixón a xente levaba pedras do castro para cerrar as leiras e que, agora mesmo, a comunidade local está plenamente integrada. De feito, identifícase co xacemento totalmente. E iso é algo do que nos sentimos moi orgullosos, porque hai que socializar a arqueoloxía. -Volvemos ao mesmo: non todo é escavar. -Está claro. Nos tamén organizamos charlas sobre arqueoloxía coa xente da parroquia, pasamos o verán vivindo en Cespón e incluso levamos adiante publicacións conxuntas. -Claro, porque do traballo feito en Neixón están deixando vostedes un abundante material impreso. -Si, xa fixemos dous cadernos históricos. Hai moito que contar, xa que se debe ter en conta que apenas había nada publicado sobre estes castros. -O seu traballo é tan amplo que inclúe a recuperación da memoria histórica. -Si, o Concello de Boiro está interesado en que nos acheguemos á historia da represión franquista dende a arqueoloxía. E niso estamos enrolados nestes momentos. Penso que se poden aportar moitas cousas dende o ámbito da arqueoloxía.