Un recordo para os antigos alumnos do instituto pobrense

La Voz

BARBANZA

Cousas da xente A comunidade educativa plantou unha árbore en memoria das promocións de estudantes que pasaron polo centro

13 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Os alumnos e profesores de Bacharelato do Instituto da Pobra realizaron unha plantación dunha árbore, concretamente un freixo, como acto simbólico en recordo das antigas promocións de estudantes que pasaron por este centro educativo. Tamén se quixo festexar que unha nova promoción sairá deste edificio pobrense. Seguidamente, todos se trasladaron ao salón de usos múltiples, onde o director, José Luis Nogueira, e unha alumna deron lectura a un escrito relativo a efeméride que festexaron. Paradiña en San Sebastián Unha vintena de gandeiros da bisbarra partiron o pasado sábado con destino á rexión francesa de La Guyoniere co fin de estudar o modelo agrogandeiro francés. Durante o traxecto tiveron tempo de realizar unha visita á cidade de San Sebastián e, como non podía ser de outro xeito, inmortalizaron o seu paso por terras vascas cunha foto na célebre praia da Concha. Os responsables da viaxe son Constante Lorenzo Santos e Luís García, formadores do centro EFA Fonteboa de Coristanco. Premios merecidos Protección Civil de Rianxo entregou os premios do concurso de debuxo relacionado con situacións de emerxencia, no que participaron os escolares do concello, que recibiron un agasallo das mans do alcalde, Pedro Piñeiro, e do xefe da agrupación de voluntarios, Manuel Villanustre. A casa de cultura quedouse pequena para tantos rapaces. A meirande parte deles pintaron sobre os incendios do pasado verán. Os premiados con unha mochila foron Vanessa Sobradelo, Manuel Sánchez, Bernal Muíños, Paula Nine, Carla Arca, Sarela Betanzos, José Vicente Torrado e Daniel Fernández. Recibiron un accésit Mateo Ramón Bermúdez Comojo e Pablo Sobradelo. Diversidade artística O Centro de Interpretación do Castro de Baroña, na vila sonense, acolle ata finais de mes unha exposición colectiva baixo o título de Retallos. Os autores dos cadros, esculturas, tapices, fotografías e cerámicas que se exhiben son membros da Asociación Galega de Arte e Cultura, que ten a súa sede en Compostela. O concelleiro de Cultura, Xoán Pastor Rodríguez , asistiu ao acto de inauguración.