O Encontro sobre Rehabilitación de porá en valor a arquitectura popular rianxeira

BARBANZA

Carlos Coto e Adolfo Muíños presentaron a programación.
Carlos Coto e Adolfo Muíños presentaron a programación. C. Queijeiro< / span>

Nos tres días do foro pasarán polo Cuartel Vello de Rianxo unha ducia de reputados especialistas

18 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os días 24 e 26 deste mes, Rianxo vai se o referente no ámbito da restauración de vivendas en Galicia a través da segunda edición do Encontro de Rehabilitación, un foro que contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio e que se aproveitará para poñer en valor a arquitectura popular rianxeira.

No amplo programa previsto para esa fin de semana, e que onte deron a coñecer o arquitecto Carlos Coto e o rexedor Adolfo Muíños, ten cabida unha visita guiada a un dos expoñentes do patrimonio de Rianxo: as casas do remo. Isto será o día 25, pero as xornadas comezarán o 24 coas intervencións de Juan Pinto, profesional cunha ampla experiencia na rehabilitación de vivendas, e Manuel Gallego Jorreto, premio nacional de arquitectura. Pechará o primeiro día do encontro outra visita, esta vez á casa museo de Manuel Antonio.

En total, nos tres días do foro pasarán polo Cuartel Vello de Rianxo unha ducia de reputados especialistas que falarán de cuestións como o uso da madeira na rehabilitación de edificios ou proxectos singulares, como pode ser o do santuario da Virxe da Barca, e intervencións de recuperación de espazos públicos, coma os que levaron a cabo en Noia Salgado e Liñares.

A inscrición para asistir ás conferencias, que é gratuíta, xa está aberta e estableceuse un límite de oitenta prazas.

Cambio de escenario

A primeira edición do Encontro sobre Rehabilitación de Vivendas desenvolveuse no auditorio municipal, pero desta volta decidiuse cambiar de escenario, tal e como explicou onte Carlos Coto, para «levar a rehabilitación á rúa».

Con este obxectivo, ademais das charlas vanse levar a cabo unha serie de actividades paralelas dirixidas ao público en xeral. Neste apartado destaca unha mostra sobre materiais e novas técnicas de rehabilitación que se vai instalar baixo unha carpa colocada no Campo de Arriba.

Ademais, no marco desta exposición, desenvolveranse outras iniciativas de divulgación que chegarán, incluso, aos máis cativos. De feito, está previsto un obradoiro infantil sobre a arquitectura tradicional co que se busca que tomen conciencia da necesidade de respectar o patrimonio local. Tamén se proxectarán vídeos de diapositivas, e instalarase na planta baixa do Cuartel Vello unha exposición de fotografías das actuacións de restauración de vivendas desenvolvidas en concellos das rías de Arousa e Muros-Noia.