O Torneo Inelga Santa Rita-Memorial Michi Ares chega ao seu desenlace

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

As instalacións do C.T. O Rial coñecerán o domingo os trece campións dunha cita puntuable para o Circuito Xuvenil de Tenis Babolat da Federación Galega

24 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club de Tenis O Rial volta organizar o Torneo Inelga Santa Rita-Memorial Michi Ares, unha competición que hai dúas semanas iniciaba a súa vixésimo novena edición, e que desde o venres e ata o domingo encarará o desenlace dos seus trece cadros de competición.

No consistorio do Concello de Vilanova, directivos do C.T. O Rial e o seu corpo técnico, formado porDaniel Otero e por Manuel Acuña, explicaron os detalles da cita deportiva acompañados polo tenente de alcalde vilanovés, Javier Tourís, e polo xerente da Federación Galega de Tenis, Chisco Pardo. Incluído no Circuíto Xuvenil de Tenis Babolat da F.G.T., o Santa Rita conta con cadros alevín, infantil e cadete, e con entre unha e tres divisións por canda un deles. Unha segmentación que se practica desde hai tres tempadas, a fin de mellorar a recompensa competitiva dos novos tenistas.

Cuns quince anos de vida, o Circuito Xuvenil de Tenis Babolat ten no Torneo Inelga Santa Rita a única proba fixa do seu calendario. Este ano, a segunda na orde de celebración, dun total de cinco.

Con 186 competidores de saída, as catro primeiras semifinais disputaránse este venres, quedando as 22 restantes para a xornada do sábado. O domingo pola mañá concentraránse os trece partidos polos títulos en xogo nas cinco pistas do C.T. O Rial.

Sete son os semifinalistas do club anfitrión. Co vilagarcián Manuel Fernández e co santiagués Ander Tarrío competindo na Primeira División infantil e alevín, respectivamente. Lucía del Valle (2.ª Cadete), Carlota Magán e Alba Brea (2.ª Alevín), Iván López (3.ª Infantil) e Pablo Reboeiras (2.ª Cadete) son os outros supervivintes do equipo local.