Facer memoria, un exercicio de democracia

VILAGARCÍA DE AROUSA

O colectivo pon en marcha unhas charlas pola memoria democrática

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mércores 12 e xoves 13 • 20 horas • Local de O Faiado da Memoria (Ravella 27) • Facer memoria é un dos mellores servizos que se poden facer á sociedade. Os integrantes da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica téñeno claro. E por iso, neste momento no que hai quen promove a amnesia colectiva como fórmula de construír o futuro, están empeñados en facer xustamente o contrario: en darlle luz ao pasado, para atopar a verdade, para perseguir a xustiza ás vítimas, e para reparar -ou cando menos intentalo- os anos de dor e ocultamento. Deste xeito nace o ciclo de charlas pola Memoria Democrática que onte se presentou no local do Faiado da Memoria, que será tamén onde se celebren estes actos de conciencia e historia. O primeiro terá lugar o mércores, día 12, as oito da tarde. Anxo Doval Rey ofrecerá un relatorio titulado «Resistencia e represión no rural: Faxilde e a súa contorna», no que realizará un achegamento ás sociedades agrarias de Vilagarcía e á terrible represión da que foron vítimas, así como a historia dos presos vilagarciáns no penal de San Cristóbal. Ao día seguinte, o xoves 13, haberá unha nova charla. Neste caso leva por título «Abrindo fosas, pechando feridas», que correrá a cargo de Santiago Macías, cofundador da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.