«O papel dos maiores na sociedade ten que ser totalmente revalorizado»

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A voceira explica o proxecto que Ravella ten entre mans para facer de Vilagarcía unha cidade amiga da terceira idade

19 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando conversa sobre servizos sociais, Tania García Sanmartín (Suíza, 1975) sabe do que fala. Traballadora social, a tamén voceira do goberno local de Vilagarcía ten ademais baixo as súas competencias as áreas de Sanidade, Persoas Maiores e Igualdade.

-¿Que pode facer un Concello coma o de Vilagarcía para mellorar a vida dos seus maiores?

-Polo que respecta a atención e asistencia, dende a área de Servizos Sociais existen programas de axuda a domicilio, o xantar na casa e a teleasistencia.

-¿Son específicos para as persoas maiores?

-Non, pero, polas súas características, si son servizos que maioritariamente empregan as persoas maiores. ¿Que podemos facer? Dende que chegamos ao goberno incrementamos substancialmente o número de horas de asistencia, tamén o número de usuarios do programa xantar na casa e ademais xestionamos unha praza para o Concello na residencia Divina Pastora, que antes non existía. Isto, polo que respecta ás actuacións de carácter asistencial. Por outra banda, temos en marcha programas de envellecemento activo, actividades de lecer, excursións, xantares lúdicos. E cursos de formación en materia de telefonía, por exemplo, que si son específicos. Ademais hai moitas políticas transversais que se desenvolven dende diferentes ámbitos.

-¿Dende a súa experiencia, cal é o principal problema ao que se enfronta a xente maior?

-No que se refire á acción municipal, a xestión das declaracións de dependencia e discapacidade son as solicitudes máis numerosas. En xeral, o máis duro é a perda de facultades para valerse un mesmo. E a soidade, que é terrible. Hoxe, en Vilagarcía viven soas 1.693 persoas maiores de 65 anos. É un fenómeno que medra.

-¿Faltan recursos?

-Nós promocionamos os servizos sociais para dar unha resposta rápida, pero o problema é a dependencia doutras administracións. Esta semana atendemos a unha señora de 77 anos que tardou tres anos en ser avaliada. Imaxina como pode cambiar a situación dunha persoa desta idade en tres anos. Faltan recursos humanos. As axudas por dependencia están tardando moitísimo cando o Goberno de Rajoy deixou de investir 44 millóns de euros neste eido o ano pasado. Case todo isto depende da Xunta e non se trata simplemente de poñer cartos, senón de habilitar medios. Na medida do posible, é o que nós estamos facendo dende o Concello.

-¿Que hai das pensións

-Cando vexo entre a xente menor de cincuenta anos un certo pasotismo, non podo deixar de sentir aínda máis respecto e admiración polos maiores que levantaron o Estado de Benestar e agora saen á rúa para defendelo. E ollo, eles, mal que ben, teñen as súas pensións garantidas: nós non. E hai máis. A nova reestruturación sanitaria implica que algo tan común como unha rotura de cadeira teña que ser tratada en Pontevedra. Isto afecta de maneira moi grave ás persoas maiores. Son paus nas rodas do Estado de Benestar que golpean especialmente aos colectivos máis sensibles. E iso tendo en conta que durante os anos máis duros da crise foron os maiores os que sostiveron as súas familias.

-Supoño que o papel de organizacións como Cáritas e a Cruz Vermella é fundamental.

-Teñen uns equipos humanos de voluntarios excelentes que lles permiten chegar onde a Administración non chega. É un labor encomiable que contribúe a corrixir esa falta de recursos. Pero, aínda así, segue a ser insuficiente.

-¿Que facer entón?

-Nós solicitamos a través da Deputación 291.000 euros de fondos europeos para facer de Vilagarcía unha cidade amiga as persoas maiores. Trátase de intervencións en accesibilidade, eliminación de barreiras e uso de materiais. O consello da terceira idade aplaudiu, por exemplo, que empregásemos o formigón nas beirarrúas, porque é un pavimento moito máis seguro, que evita tropezos. Actuacións en transporte para que, por exemplo, o bus pase polo centro de saúde de San Roque. A promoción de vivendas comunitarias nas que se compartan servizos e recursos. Desenvolvemento de ocio, tempo libre, voluntariado activo. Porque o feito de ser maior ou estar xubilado non quere dicir que non teñas nada que aportar. Todo o contrario. O papel dos maiores na sociedade ten que verse revalorizado a todos os niveis.

«O labor de Cáritas, Cruz Vermella e os seus equipos de voluntarios é encomiable»

«Un investimento de 291.000 euros vainos permitir actuar pensando nos máis maiores»

Un debate abierto sobre la encrucijada de la tercera edad

Foro Voz analiza, en colaboración con el Concello de Vilagarcía, la situación de las pensiones y del colectivo de personas mayores. Será esta tarde, en el Salón García, a partir de las 20.30 horas. Como ponentes, el economista Albino Prada, la trabajadora social Julia Souto, el sindicalista Paco Cuba y la concejala de Servizos Sociais, Tania García. La entrada es libre hasta completar el aforo y el público podrá formular preguntas.