Diego Romero encabeza os cinco títulos arousáns no Campionato Galego de Pista

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O As Torres-Romaría Vikinga gaña a clasificación xuvenil feminina por equipos

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O vilagarcián do Breogán Diego Romero fíxose na mañá do domingo en Verducido co título sénior do C-1 1.000 no Campionato Galego de Pista Sénior e Júnior. Fíxoo coa claridade dos seus 2 segundos e 85 centésimas de vantaxe sobre o subcampión, Daniel Durán, do Kayak Tudense. Dúas horas e media despois Romero e o seu compañeiro Miguel Fernández quedaron a 64 centésimas do ouro no C-2 1.000, conquistado pola embarcación do Tudense formada por David Costa e por Brais Casas.

Tamén do Breogán, Lara Outón conquistou o título sénior feminino C-1 200. Por só 3 centésimas sobre Jénifer Casal, da E.P.C. Pontevedra, e un día despois do seu sexto posto no Europeo de Maratón en Portugal.

Os outros tres títulos arousáns no Campionato Galego de Pista Sénior e Júnior chegaron das júniores das Torres-Romaría Vikinga. Con Carla Frieiro impoñéndose no K-1 200, con Catuxa Fabeiro e con Fátima Ordóñez gañando o título de K-2 500 coas tamén vikingas Xoana García e Aldara Merino bronce, e coas tres campioas mencionadas máis María da Fonseca facéndose co primeiro posto no K-4 500 por diante da segunda tripulación do seu club.

Nas clasificacións por equipos, As Torres afianzou o seu liderado na xeral xuvenil feminina da Liga Galega de Pista tras gañar en Verducido con 440 puntos, polos 179 da E.P.C. Pontevedra, segunda con 179. O Pontecesures foi segundo en júnior masculino, tras o Naval.