«O soul e a música galega choran e rin ao mesmo tempo»

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O dúo gañador do premio Martín Códax de músicas negras ofrece o domingo unha sesión vermú en Vilagarcía

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda nin siquera teñen disco -gravarano en xullo-pero a súa proposta de mestura de soul, R&B e música tradicional chamou tanto a atención como para merecer o premio Martín Códax deste ano. Falamos con Belem Tajes á procura descubrir as claves desta súbita fascinación xerada por Woodoo.

-¿Cómo estades a vivir o que está a acontecer arredor de vós a partir do premio?

-Aínda non o asumimos de todo. Temos moita ilusión polo tema do disco e polos concertos que nos están saíndo. Niso si que se está a notar o do premio.

-Teclados e baixo non é dende logo un formato estándar...

-Non, en absoluto. E de feito non vale para calquera sitio.

-¿Condiciónavos á hora de compoñer e de tocar?

-Non. Estamos moi acostumadas a escoitarnos e a traballar xuntas. Á hora de crear sae case todo só.

-¿Por qué cre que en Galicia hay tantas voces femininas no terreo das músicas negras?

-A música negra é un caramelo. Todas queremos cantar como Aretha Franklin. Eu supoño que esa imaxe de negra marabillosa é a que fai que haxa tantas mulleres cantantes. O que hai menos son instrumentistas, mulleres que tamén se acompañen como facemos nós. Iso vese pouco.

-Inventáchedes unha etiqueta para o voso son, o «soulk». ¿Que queredes dicir con iso?

-O de soul en galego no me gustaba. E como eu bebo moito da música tradicional galega, encaixámolos así. A fin de contas coido que son dous estilos que teñen moito en común.

-¿Ah, si? ¿Por que consideras que están vencellados?

-Penso que teñen certo parentesco pola raíz da musicalidade do blues, que é de onde nace o soul. E polo xeito de contar as cousas, con esa especie de melancolía. A música galega tamén ten esa raíz nostálxica e de saudade. Ambas músicas choran e rin ao mesmo tempo.

-O domingo vindes a Vilagarcía en sesión vermú, ¿que tal vos vai ese formato?

-É fantástico. É a mellor hora para escoitar música. A xente renace a esa hora do vermú e por enriba podes chegar a moitos máis sectores de público que por exemplo nun pub pola noite, no que sempre se move o mesmo tipo de xente.

-E nun par de meses volvedes para o Revenidas. ¿Como vos sentides nun gran festival?

-A ver... Será a primeira vez que subamos au escenario tan grande. Estamos preparando algo con moita máis potencia, con batería e máis eléctrico. Na sesión vermú amosaremos a nosa esencia e no Revenidas sairemos a rachar con todo.

-Dende hai uns meses eres tamén a cantante de Luar na Lubre. ¿Que che aporta cada un destes proyectos?

-Woodoo permíteme algo que a min me gusta moito que é dicir dunha forma moi directa, a través do teclado e da voz, o que sae da miña cabeza. É o meu proxecto persoal. E Luar na Lubre apórtame moita relevancia.