Retratos de «Creators» baixo a óptica de Jorge Agra

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

23 may 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Galería Arcana • Ata o 23 de xuño • Vilagarcía • A galería vilagarciá, rexentada por Anxo Pastor, inaugurou no serán do venres unha exposición a ter moi en conta. O deseñador Jorge Agra centra o seu ollar en 23 dos artistas plásticos e creadores en diferentes eidos que desenvolven o seu traballo na bisbarra do Salnés. O resultado é «Creators», unha mostra de retratos nos que o espectador identificará sen problema ningún moitos dos rostros recreados. Uxío e Guillermo Charlín, Chaves, Juan Moreno Badía, Chazo, o propio anfitrión, tamén o fotógrafo José Luiz Oubiña, son algunhas das inquedas faces que contemplan ou son contempladas polo espectador, sempre cun certo arume pop. Aínda que na súa estrea non cabía un alfinete, non haberá problema tampouco para degustar a exposición, xa que os 23 «Creators» ficarán nas paredes de Arcana ata o vindeiro 23 de xuño, noite de San Xoán. O horario, de luns a sábado, entre as cinco e as oito da tarde.