Aí veñen os fiunchos e as flores

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A festa dos maios inundará mañá a bisbarra de cores e cancións cargadas de crítica e humor

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrinca o mes de maio e arrinca, coma sempre, con festa. Celébrase o día dos maios, esa xornada na que os fiunchos e as flores, adubiadas cunha boa dose de traballo e imaxinación, convértense nunha ferramenta para a diversión e a crítica.

En Vilagarcía

Na capital da bisbarra, a cita con este festival prodúcese no parque Miguel Hernández, onde se darán cita, ás doce da mañá, as 63 composicións florais elaboradas polos 16 colectivos que se sumaron á festa. Entre eles figuran as asociacións de pais (da escola infantil de Carril e dos colexios Vagalume, Anexo A Lomba, Arealonga, San Francisco, Escardia e Piñeiriño), de colexios (Rubiáns e escola unitaria de Aralde-Sobrán), ademais de asociacións e colectivos culturais da vila. Todos eles participarán nun espectáculo que non ten carácter de competición, xa que haberá agasallos para todos que se sumen.

En Cambados

Na vila do Albariño tamén celebran os maios, neste caso no Pazo de Torrado e ás cinco da tarde. No certame actuarán asociacións e grupos culturais cambadeses. Como estamos na primavera, e nunha primavera especialmente revirada, o Concello teno todo listo por se a choiva aparece. De ser así, explican dende o goberno local, a festa trasladaríase para o Salón José Peña.

No Grove

Na praza do Corgo haberá música e flores. O Concello organizou, a partir das dez e media da mañá, un feixe de actos que inclúen xogos tradicionais, a música aportada por Paradanda, e o tradicional concurso de maios con premios de cen euros para os mellores maios tradicionais e artísticos, e 50 para as coplas.