Catro equipos lusos e un rumano na previa do AF7

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

A Dallas Cup voltará poñer tamén por cuarto ano unha quinta praza en xogo para a fase final

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do Arousa Fútbol 7 fixo público onte o calendario de competición das dúas quendas nas que, un ano máis, se dividirá a súa fase previa coincidindo cos últimos días da Semana Santa. A que decidirá os catro equipos modestos que acompañarán os grandes nomes do cartel dun dos mellores campionatos internacionais alevíns do planeta.

A previa voltará contar con 80 equipos. Coa participación de catro clubs portugueses e a novidade da presenza dun conxunto rumano. O Celta Brasov, que como o seu propio nome adianta, está encadrado dentro do programa de internacionalización do club vigués, con Europa e con América coma primeiros mercados da súa expansión.

O xoves 13 e o venres 14 de abril o céspede artificial do Manuel Jiménez de Vilagarcía contará co ACD Ancorad’ouro, co AJEF Hernani Gonçalves e co Fiães SC lusos. E tamén cos arousáns Armenteira F.C., Club Juventud Cambados e E.D. Arousa.

Na segunda quenda, o sábado 15 e o domingo 16 de abril, a participación do país veciño circunscribiráse aos dous planteis cos que viaxará o ADR Pastelería. Será o momento no que a afección que se desprace ao campo Manuel Jiménez poida ver en acción o Celta Brasov, incluído no Grupo G xunto co EF Lalín, Ural CF B, e cos arousáns USD do Grove e EFB Vilanova. O equipo do anfitrión Arousa Fútbol 7, o San Martín CF, o Meaño FC, o C.D. Ribadumia e o Vilagarcía SD, estes dous últimos con dous planteis cada un, completarán a representación do Salnés na fase previa.

Cuatrovientos, Quirinal, Ural e Racing de Ferrol, os catro conxuntos que o ano pasado conseguiran as catro prazas para a fase de ascenso, repiten intentona. Non así a E.F.B. Lanzarote, a grande ausente logo de catro participacións ininterrumpidas na fase final. As tres primeiras clasificándose desde a previa, e a cuarta como premio por conseguilo, recollido nas bases de competición do Arousa Fútbol 7.

 

Dallas Cup

En paralelo, por cuarto ano consecutivo a Dallas Cup, o torneo que a liga profesional estadounidense organiza cada Semana Santa entre as canteiras das súas franquicias, voltará poñer en xogo unha quinta praza para o AF7. O F.C. Dallas, o Toronto e o Houston Dynamo foron os tres primeiros representantes na gran cita no campo da Lomba.