Vilagarcía acolle os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios Special Olympics

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O sábado, en Fexdega, con case medio milleiro de participantes

17 mar 2017 . Actualizado a las 17:38 h.

Vilagarcía e Special Olympics Galicia, a organización sen ánimo de lucro de pais, de profesionais e de amigos de persoas con discapacidade intelectual que desde o ano 2000 fomenta a integración deste último colectivo a través do lecer, do tempo libre, da cultura e do deporte, consolidan esta semana a súa relación de amizade. Co Concello da capital arousá poñendo un ano máis as súas instalacións ao servizo dunha das citas centrais da entidade social autonómica. Nesta ocasión, da vixésimo segunda edición dos Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios Special Olympics Galicia. Unha competición promovida da man de FADEMGA, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento, e da asociación local Con Eles, co recinto feiral de Fexdega como escenario este sábado.

Preto de medio milleiro de persoas participarán nesta edición dos Xogos, entre os 255 deportistas inscritos, os 66 adestradores que os acompañarán, e os 94 voluntarios que se encargarán de toda a intendencia aparellada. No programa, tres deportes, e un combinado de probas motrices compostas por desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico, desprazamento con diferentes apoios, e bolos. Con 118 participantes, será esta a segunda modalidade en número de deportistas, só por detrás do tenis de mesa, con 120. Outros 21 xogarán ao bádminton, e haberá tamén media ducia de equipos de tenis.

O tenis presenta a maior novidade dos Xogos Autonómicos de Special Olympics, ao congregar os 15 alumnos de Con Eles e os 10 de Aspronaga nas escolas do programa da Fundación Rafa Nadal para persoas con discapacidade intelectual.

A inauguración dos Xogos Autonómicos está programada para as 10.45, coas 12 coma hora de inicio da competición e a clausura fixada para as 19.

Acompañado polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que asegurou as portas abertas da vila a Special Olympics cando o precisen, o directivo da entidade Xosé Lois Queiruga subliñou na presentación do campionato a importancia deste tipo de actividades «para visibilizar as persoas con discapacidade intelectual ante a sociedade».