Vilagarcía acollerá o Campionato de Europa Xuvenil de 49er nas Festas de San Roque

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

01 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A incorporación de Carlos Paz resultaba apremiante para a Federación Galega de Vela, por canto a vindeira semana as catro tripulacións agora baixo a súa dirección iniciarán en Palma de Mallorca unha semana de traballo coa disputa da Training Camp como culmen. A regata que serve de prólogo ao Trofeo Princesa Sofía, que do 23 de marzo ao 1 de abril comezará a curtir os 470 e 49er e 49erFX de futuro da Federación Galega de Vela.

No horizonte, o Campionato do Mundo de 470M e 470F de xullo, en Salónica, Grecia, e de 49er e de 49erFX en agosto, en Porto. Citas cruciais para os plans da Federación Galega, que confía en que algunha das tripulacións coas que comeza a traballar Carlos Paz, todas elas con barcos cedidos pola propia FGV, poida gañar entre a primavera e o verán unha praza nos equipos nacionais das súas respectivas clases.

O director técnico do Centro Galego de Vela, Bruno Gago, desvelaba onte que dentro do plan de potenciación da instalación do Cavadelo, e do crecemento dos regatistas galegos, a FGV vén de conseguir a organización en Vilagarcía do Campionato de Europa Xuvenil -ata 24 anos- de 49er.