A frota de bateis do Salnés sae ao mar repleta de novos remeiros

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

martina miser

O C.R. Vilaxoán promete unha excelente tempada tras elevar nun 50 % o seu número de efectivos. Un aumento só algo superior ao vivido no Amegrove

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A tempada de competición no remo de banco fixo avanza desde este mes, coa terceira proba do calendario da Territorial Sur de Bateis agardando o sábado nas augas de Moaña. Unha campaña na que os clubs do Salnés prometen grandes cousas logo de experimentar incrementos nos seus capítulos de recursos humanos. Espectaculares nos casos do Amegrove e, sobre todo, do C.R. Vilaxoán.

O club que parte con maiores perspectivas no batel é o vilagarcián. Despois de varios anos de desentendemento, o Concello de Vilagarcía voltou apostar o pasado verán por apoiar a escola de verán de remo impartida polo C.R. Vilaxoán, devolvéndolle a condición de municipal. De aí saíu unha parte importante dos 36 remeiros máis federados na entidade vilagarciá. 97 polos 61 do 2016. Ou o que é o mesmo, un incremento de máis do 50 %. A volta dun nutrido grupo de exremeiras do club ao mar explica o resto, sinalaba onte o presidente, adestrador e deportista do C.R. Vilaxoán, Gelo Tarrío. O pasado sábado, na Guía, os seus barcos coparon case a metade dos triunfos en xogo. Con primeiros postos na proba alevín -categoría de nova creación esta tempada- e xuvenil femininas, e infantil e cadete masculinas.

Con quince barcos en competición nas nove categorías das que consta agora o batel, o C.R. Vilaxoán aspira a «estar arriba en todas», di o seu presidente. E mellorar a colleita dun 2016 con subcampionatos galego e de España das promesas. Un reto no que Miguel Alcalde e o propio Tarrío contan co reforzo no corpo técnico de Montse Martínez.

Trinta e un remeiros manexaba no 2016 o Amegrove, e 50 teñen este ano ficha co club mexilloeiro. Un incremento sen repercusión entre as féminas, de novo sen ningún barco en competición. A nivel masculino pasouse de catro a sete bateis, e presenza en todas as categorías, grazas en boa medida ao retorno de exremeiros, e ao bo resultado do campus de verán do club.

Iván Fandiño é o nexo entre o corpo técnico da tempada pasada, cando formaba tándem con Martín Vidal, e o da presente, no que fai equipo con José María Pérez e Paulo de la Fuente nas categorías base, con Diego Cabaleiro levando os séniores. «Este ano nos lles queremos meter presión aos rapaces, só que gocen. Que remen ben, e os resultados tarde ou cedo chegarán», di.

Pola súa banda, no C.R. Mecos percibiron una leve melloría no número de efectivos, nunha tempada na que, explica o coordinador das categorías base, Vando Otero, «apostamos por un troco de modelo, ampliando o número de adestradores para poder así aumentar o de canteiráns» en varios anos. Un labor para o que neste curso contan con oito técnicos para atender cinco categorías.