«Casos como o da Xaiba poden repetirse en toda a comarca»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Volcada na educación patrimonial en Arousa, a experta salienta que protexer a nosa historia é tarefa de todos, non só das administracións

15 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicedecana da Facultade de Historia de Ourense, adscrita á Universidade de Vigo, a arqueóloga vilagarciá e experta en Prehistoria Beatriz Comendador Rey leva anos traballando na comarca arousá a permeabilización da educación patrimonial con axentes sociais de diversa índole, como asociacións culturais ou comunidades de montes. Un labor fundamental por canto, sostén, só a concienciación e a implicación de todos os que habitamos neste momento a bisbarra do Salnés poderá evitar que se sigan a producir desfeitas como a denunciada esta semana no castro da Xaiba.

-Un castro, o da Xaiba, catalogado pero sen sinalización ningunha, danado por un cortalumes de emerxencia. ¿Como pode acontecer algo así a estas alturas da historia?

-Non acontece por unha única causa, senón por un conxunto delas combinadas. No mesmo intre do incendio, é pola emerxencia da actuación e a falla de coordinación entre as administracións. Pero tamén responde ao resultado dunhas inadecuadas políticas de xestión forestal, nun territorio onde case un 70% da superficie xeográfica é monte, e unha cuarta parte de tipo comunal. E resulta significativo que salte a nova aos xornais polo interese dun afeccionado da comarca que é o que fai a denuncia ao Seprona. É certo que lles hai que esixir responsabilidades ás administracións con competencias directas, pero en realidade a responsabilidade de que ocorra algo así abránguenos a todos. Incluso abrangue os propios xornais, que cos seus titulares poden contribuír a crear estados de opinión moi negativos.

-Entón, ¿isto podería voltar acontecer mañá en calquera punto de Arousa?

-Claro que podería acontecer, e de feito desgrazadamente acontece máis veces do que sería desexable. Fronte a isto hai iniciativas de base civil, como por exemplo, con respecto á arte rupestre, por unha banda a plataforma SOS Arte Rupestre Galego, que recolle sinaturas para a súa declaración coma Patrimonio da Humanidade, ou Colectivo a Rula, que promove unha campaña para a creación de franxas de protección do patrimonio na Lei de Montes.

-Máis de 200 xacementos censados no catálogo de bens de interese arqueolóxico da Xunta de Galicia no Salnés e no Baixo Ulla. ¿Cal é o grao de coñecemento que temos deles, e cal o seu nivel de protección?

-Aínda que é unha pregunta moi xenérica, podería dicir que en termos xerais esta é una comarca pouco valorada no contexto xeral de Galicia con respecto a outras. En canto ao seu nivel de protección, depende de se os bens están inventariados ou non, e mesmo se teñen algunha normativa específica, ou están recollidos nas normas subsidiarias de cada concello.

-As augas da ría, ¿seguen a ser terreo virxe para a investigación arqueolóxica?

-Si, as augas da ría, e todo o patrimonio arqueolóxico subacuático de Galicia en xeral.

-Escoitei hai xa uns cantos anos que un dos maiores expertos na materia en Galicia sostiña que a mellor maneira de preservar un xacemento na nosa comunidade era non tocalo.

-Se pensamos no patrimonio como aquilo que como sociedade queremos preservar para as vindeiras xeracións, obviamente non tocalo podería ser o mellor xeito de conservalo; pero non necesariamente de coñecelo, e por tanto de producir un coñecemento transferible sobre ese ben. Non se trata dunha dicotomía entre actuar ou non actuar, senón de crear as condicións necesarias para que esa actuación permita una preservación sostible do mesmo.

«No arqueolóxico, esta é unha bisbarra pouco valorada

no contexto xeral

de Galicia»