«Son comunista, pero aprendín que a mestizaxe é clave para a batalla social que temos que dar»

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

23 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de deixar o Parlamento, para Juan Fajardo ábrese un período de definición vital e persoal. Independentemente do que suceda, asegura, nunca deixará a política. E ten algo claro. Tanto a nivel local como autonómico e estatal é un firme convencido da existencia dun espazo de unidade popular que, advirte, caerá do lado da ultradereita se a esquerda non é intelixente abondo para dar resposta ás necesidades da xente. «No colexio da miña filla hai nenos que teñen que pedir a merenda aos compañeiros: iso está a suceder aquí e é o verdadeiramente importante».

-Logo de catro anos no Parlamento, compartindo tantas cousas con xente coma Beiras, ¿ten algo vostede xa de nacionalista?

-Nos últimos tempos acusóuseme de estar en Podemos, en Anova, de non ser de EU... Sigo sendo comunista, pero en todo este proceso aprendín que a mestizaxe é clave para a batalla social que temos que dar. Porque pode estar seguro de que o que están a preparar para nós no futuro fará que a sociedade do benestar, que tan curta era, pase a parecernos unha marabilla. Non ten sentido loitar en frontes distintas cando temos un obxectivo común. Claro que houbo erros, moitos, pero debemos definir un modelo aberto, amplo, de unidade popular, sen renunciar a manter cada un a súa identidade política. É moito o que está en xogo.

-¿Tamén en Vilagarcía?

-Por suposto. As últimas eleccións demostran que o espazo de converxencia non só ten potencial para ser a segunda forza aquí, senón mesmo a primeira. E hai xente que xa non estamos en primeira liña, con experiencia, nacionalista e non nacionalista, que pode impulsar proxectos amplos. Con respecto a EU é certo que a xente penaliza estes espectáculos, pero estou convencido de que só podemos medrar.