O C.R. Vilaxoán organiza a Bandeira Porto de Vilagarcía de Bateis aprazada en abril

Vilagarcía / La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

A proba celebraráse o sábado a partir das 16.30 horas

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa tempada 2016 xa rematada, e metidos xa no traballo de preparación da campaña 2017, os clubs galegos de remo terán este sábado unha cita do máis interesante na Bandeira Porto de Vilagarcía de Bateis. Unha proba programada inicialmente para o pasado mes de abril, e aprazada entón polas condicións meteorolóxicas adversas na primeira data prevista.

Organizada polo Club de Remo Vilaxoán, a décima edición da Bandeira Porto de Vilagarcía comezará o sábado ás 16.30 horas con quendas para as categorías infantil, cadete, xuvenil e sénior masculinas, e promesa e absoluta femininas. Con dúas bandeiras para os mellores clubs masculino e feminino, e medallas para os tres primeiros de cada categoría.

A competición desenvolveráse en quendas lanzadas cun intervalo dun minuto por categoría, e con cinco de separación entre estas.