«Temos que lograr que Facenda non venda a parcela do Cavadelo e acadar esa cuarta sala»

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

mónica irago

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas poñía á venda a parcela inmediata ao edificio xudicial de Vilagarcía, no Cavadelo. Delegados sindicais de toda Pontevedra manifestáronse en contra dunha medida que, na opinión do presidente da xunta provincial de persoal, suporía hipotecar a creación dunha cuarta sala na capital arousá.

-¿Tan grave é a situación?

-É certo que Penal baixou coa reforma legal, sobre todo na fase de instrución, porque moitas das faltas que antes se tramitaban por esta vía desapareceron e quedaron como sancións administrativas. Tamén porque as causas teñen que ter unha duración determinada e se non hai culpables coñecidos, como pasa con moitas denuncias de roubos, por exemplo, teñen que ser arquivadas. Pero a parte civil non só está coma antes, senón que aínda se ve máis superada. Polo que respecta a Vilagarcía, o certo é que hai xa moitos anos que debía ter o cuarto xulgado.

-Durante un tempo semellaba algo feito. ¿Que se torceu?

-A verdade é que se falaba mesmo dun local xa escollido para que comezase a funcionar, á espera da ampliación do edificio do Cavadelo, e da inclusión dunha partida nos orzamentos do ano seguinte. Pero, coincidindo co estoupido da crise, todo se veu abaixo cando faltaba un nada.

-É de supoñer que contando cun terreo, materializar esta reivindicación será máis doado.

-Si, por suposto. Neste senso cremos que é imprescindible lograr que Facenda renuncie á venda da parcela para poder acadar o cuarto xulgado. Hai un acordo plenario no que o Concello se manifesta neste senso. Pero a forza aínda pode ser maior. Debemos pensar que tamén a Comisaría de Policía Nacional está a quedar pequena e ao propio Ministerio de Interior interesaríalle contar con espazo para medrar. Sería moi interesante que se negociase. Queremos que se entaboen conversas para que ese terreo sexa transferido da Administración do Estado á Xunta.

-¿Pero tan complicado resulta crear un xulgado que se precisa?

-Ben, dende o punto de vista digamos material, un xulgado móntase dun xeito relativamente sinxelo. Non precisa dunhas oficinas excesivamente grandes. O importante é tomar a decisión de poñelo en marcha e que comece a funcionar nalgún emprazamento axeitado mentres se tramita a ampliación no Cavadelo.