«Animo a afección do Arousa a ilusionarse cun equipo que se vai deixar a pel en cada partido»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O técnico arlequinado aspira a facer gozar o público vilagarcián nunha Liga madrugadora de máis para o seu plantel

21 ago 2016 . Actualizado a las 01:01 h.

Teríalle gustado a Jorge Otero dispor de alomenos unha semana máis de rodaxe antes de dirixir o seu Arousa á primeira das 38 batallas que lle quedan por diante ao novidoso proxecto arlequinado na Liga 2016/17. Pero a baralla é a que é. En todo caso, os tempos no varían o discurso do desde este verán técnico do Arousa: o seu equipo deixaráse a pel para facer gozar o afeccionado.

-Verán de revolución na Lomba. Troco de adestrador e medio plantel novo. ¿Teríalle gustado que a Liga arrincase unha semana máis tarde?

-Si. Porque imos moi xustos de pretempada. Precisariamos unha semana máis para chegar en mellores condicións. Pero a competición está así, e hai que afrontala con estas condicións. Creo que nos vai faltar un pouquiño. Ata dentro de 2-3 semanas o equipo non vai estar a tope.

-¿Parecido ou moi diferente o plantel que manexa ao que imaxinaba ou lle prometeran cando asinou polo Arousa?

-Non, non. Era un pouco o que tiñamos previsto. Si é certo que agora mesmo falta un xogador para pechar o plantel. Estamos buscando un home que poida xogar polas dúas bandas, se pode ser que teña gol, desequilibrante, que non vai ser doado atopar. Estamos un pouco curtos de futbolistas nesa zona. Con el o equipo vai quedar máis compensado. Polo demais, estou contento co que hai, cos futbolistas, co traballo e co seu compromiso.

-¿A quen deberá mirar a afección no campo na procura dese cerebro organizador que tanto se botou en falla nos últimos anos?

-Hai moitos futbolistas que poden adquirir ese rol. Non me gusta personificar nun. O ano pasado había un futbolista sensacional como era Camiño, que quizais era ese cerebro. Este ano está Julio, está Manu, está Óscar, que o ano pasado fixo unha magnífica tempada. Este é un conxunto no que todos teñen que dar o máximo para beneficio do colectivo. Temos futbolistas con moitísima calidade, e que nun momento determinado poden facer esa función.

-¿E Fran Matos?

-Fran Matos é un futbolista que coñezo perfectamente e que pode xogar en calquera posición. Cunhas condicións técnicas fantásticas. Para min é unha sorte contar con ese tipo de futbolista. Perfectamente podería xogar de organizador. Usarémolo en función do partido. Comigo a idea é que xogue de lateral dereito, un posto no que tamén está Marcos, un futbolista que está a amosar un gran nivel.

-Vetada a palabra promoción na directiva e no corpo técnico, ¿con que se sentiría satisfeito Jorge Otero ao termo da súa primeira tempada á fronte do Arousa?

-[Gargallada]. Pois iso queda moi lonxe inda. No fútbol pensar tan, tan a futuro non soe traer bos resultados. Penso exclusivamente no Choco. Non se imos estar arriba ou non. Non ten moito sentido. Hai equipos que se reforzaron moitísimo, e son candidatos antes que o Arousa. Os que xogaron a fase de ascenso (Cerceda, Dépor B e Choco), o Alondras e o Barco; o Bergantiños está a facer un bo equipo. Nós temos que ir partido a partido, semana a semana, e así llelo transmito aos futbolistas. Temos que traballar moito, pelexar moito. E despois xa veremos. Porque isto dá moitísimas voltas.

-Os trocos traen incertidume, pero tamén son sinónimo de oportunidade. ¿Con que anima a ilusionarse ao socio vilagarcián?

-Desde logo, con que vai ver un equipo que vai pelexar, que vai ser intenso, tentar ter o balón, presionar o rival, tentar recuperar canto antes, que non vai agardar e sairá a forzar as perdas. Que se vai deixar a pel en cada partido, e tentar que a xente na Lomba saia contenta do campo. Que a xente do Arousa teña claro que vai ser así. Ogallá a xente goce e vexa gañar o Arousa, que é o que todos queremos.