Carreira de fondo

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitas as expectativas que se puxeron nestas eleccións xerais para rematar coas políticas de recortes e de austeridade do goberno do PP, pero non foi posible. Con todo, os socialistas seguemos a ser o referente da esquerda e, dende logo, se alguén pode encabezar o máis que necesario relevo na Xunta somos nós. Un partido con 137 anos de historia ten vocación de goberno e capacidade demostrada para transformar as cousas, e estou convencido de que así volverá a ser máis pronto que tarde. O discurso do medo duns pode dar resultado unha vez, pero non sempre, e máis canto máis nos achegamos á realidade diaria dos cidadáns. E o discurso populista tamén pode obter bos resultados unha vez, incluso reunindo arredor de si ata 20 partidos de difícil amalgama, pero outra cousa é cando ese discurso se dá de cara coa realidade da xestión e das solucións dos problemas. Non vou negar que o PSOE non obtivo un bo resultado e que, dende logo, non é unha boa noticia o ascenso da dereita en España. Sen embargo, o noso partido está vivo e seguirá traballando, e estou seguro de que, da mesma maneira que en maio do ano pasado os vilagarciáns souberon valorar a conveniencia de cambiar as cousas para facelas doutra maneira, tamén en Galicia os nosos veciños saberán apreciar que outro modelo é posible para artellar o pais que todos queremos.

Alberto Varela alcalde de Vilagarcía