O E. Otero apuntala o seu novo proxecto coa fichaxe do andaluz Rafael Taboada

Vilagarcía / La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

O equipo cambadés conserva a Fernando Padín e a Guillermo Sánchez, mentres o Liceo Casino renova a Sergei Nigeruk e a Correa

29 jun 2016 . Actualizado a las 12:42 h.

O Cambados Tenis de Mesa anunciaba onte a identidade dos tres xogadores cos que voltará pelexar a vindeira tempada por unha fase de ascenso á Superdivisión que se lle escapou no exercicio que vén de finalizar ao Establecimientos Otero. Renovados Fernando Padín, que cos seus inda 22 anos xa acumula nada menos ca 7 campañas no primeiro equipo da súa localidade, e o andaluz Guillermo Sánchez, que cumprirá o seu terceiro ano no conxunto da vila do albariño, o club asinou outro xoven valor do tenis de mesa andaluz.

Rafael Taboada é a peza coa que o E. Otero pretende dar un novo salto de calidade. Granadino coma Sánchez, e cun só ano máis ca el, 24 por 23, Taboada foi internacional por España en todas as categorías inferiores, varias veces campión de España co Caja Granada, en cuxa canteira tamén se formara o seu novo compañeiro Guillermo, e chega do Arteal de Santiago logo de realizar unha gran tempada no seu equipo de Superdivisión. Con él, e á espera de coñecer os rivais e os seus planteis para a vindeira tempada, no club cambadés amósanse entusiasmados coas perspectivas abertas co seu reforzo.

Continuidade no Liceo Casino

Na veciña Vilagarcía o Cocinas Bulthaup Galicia, denominación do primeiro plantel da sección de tenis de mesa do Liceo Casino, tamén aposta pola continuidade da espiña dorsal do equipo co que, aquí si, acadaban a clasificación para a fase de ascenso, sen éxito final. Desde a capital arousá confirmáronse as renovacións do ucraíno Sergei Nigeruk e do chileno Andrés Guillermo Correa. Tamén a continuidade da colaboración do catalán Ramón Mampel para momentos puntuais da Liga. Agora búscase un terceiro xogador co que, como en Cambados, elevar a calidade global do colectivo.