«O deporte é moi motivador para os nosos alumnos. Vén que poden facer o mesmo cos demais»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Rosa María Gato, secretaria do Centro de Educación Especial Vilagarcía de Arousa, critica a falta de apoio das administracións públicas a iniciativas como a da Escola de Tenis Rafa Nadal no Rial

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Rosa María Gato traballa desde hai 6 anos no Centro de Educación Especial Vilagarcía de Arousa. Mestra de pedagoxía terapéutica, salienta a importancia e o valor de escolas como a impulsada polo C.T. O Rial, Con Eles e o seu centro con fodos da Fundación Rafa Nadal.

-É o segundo año da experiencia, ¿cal é a valoración desde o Centro de Educación Especial?

-Moi positiva. Porque os nenos non están acostumados a esta actividade, inda que facemos moitas competicións deportivas. Avanzaron moitísimo desde o ano pasado, cando non lle daban a unha pelota, a este.

-O centro leva anos fomentando o deporte entre os discapacitados psíquicos de Vilagarcía co seu club compartido con Con Eles...

-No centro os alumnos teñen unha sesión de predeporte semanal, e en función das súas capacidades apuntámolos a todas as competicións de Special Olimpics; baloncesto, fútbol sala, atletismo e natación. E agora, o tenis, de momento como escola.

-¿Que lles proporciona o deporte os seus alumnos máis aló dos lóxicos beneficios físicos?

-É moi motivador. Participan e gozan como calquera outra persoa nestas actividades, e ata agora ó mellor non tiñan a oportunidade. Ven que poden facer o mesmo cós demais; pensan, ?nós tamén podemos facelo?. Conseguir un trofeo, competir con moita xente...

-A iniciativa parte dun club, o O Rial, e sufrágaa unha fundación, a de Rafael Nadal. O Estado, ¿nin está, ni se lle espera neste tipo de oferta complementaria á educación especial?

-Nós buscamos as cousas onde as hai. O Estado non potencia este tipo de oferta. Máis ben as administracións públicas poñen máis trabas cá outra cousa. Cando nós tentamos facerlle unha ficha ó neno para que poida competir precisamos dun certificado médico que moitos doutores non queren asinar, e temos que ir nós pola nosa conta a un psicotécnico e pagalo. Iso podíao subvencionar a Xunta dalgunha maneira para fomentar este tipo de actividades.