Os aires da ría

Tacho González ACTOR

VILAGARCÍA DE AROUSA

17 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando alguén pregunta a que se debe que haxa moitos actores orixinarios da comarca de Arousa, sempre hai quen contesta que pode ser polos aires da ría, como se o actor fose unha variedade de berberecho ou de hortaliza. Tamén hai quen lle bota a culpa a algún aliñamento planetario ou ás augas do río do Con ou da fonte das Pías.

Eu estou convencido de que non hai nada diso porque os planetas xa teñen abondo coas súas órbitas e as augas dan mellores gasosas que cómicos. Non só dá actores Arousa, hai tantos ou máis brillantes literatos, músicos ou pintores naturais de Vilagarcía e arredores, pero aos actores exhíbennos máis e seguramente por iso semelle que sexamos unha grea con máis cabezas.

Coido que a razón de que unha comunidade teña máis ou menos membros dedicados a unha actividade, sexa no mundo artístico, na metalurxia ou na carpintería de ribeira, é que existen referentes aos que imitar ou seguir. Para min foron Simón Cabido, Pepe Rubianes ou o mestre Eduardo Puceiro, pero venme á memoria dun xeito especialmente entrañable Don Luis Gómez, quen entre cigarros e selos, tiña tempo para apropósitos e sainetes. E nese caso debe de ter algo que ver a xenética, pois aí están os éxitos dos seus netos Nacho e Cristina Castaño.

Produtos culturais que tributan como un Ferrari

O que non teño claro é o futuro, pero non porque os nenos de hoxe non poidan ver en Manuel Millán, en Josito Porto ou en Carlos Blanco eses referentes, senón porque se unha entrada de teatro ou de cine ou outros produtos culturais tributan como un Ferrari, vexo moi negro o que ha de vir.

A pesar de todo, que non se desanimen porque con talento e esforzo non vai haber impostos que os paren. ¡Ánimo! E se cren que o vento mareiro ou os astros lles poden valer de motivación, que non o dubiden e tiren para adiante.