«Ahituvi centrouse demasiado na hostalería e iso debe mudar»

VILAGARCÍA DE AROUSA

Dieste quere tender a man dende Ahituvi a todos os sectores vencellados ao eido turístico.
Dieste quere tender a man dende Ahituvi a todos os sectores vencellados ao eido turístico. mónica ferreirós< / span>

Nun momento difícil, o seu quinto presidente proponse facer da asociación un eixo de planificación turística

02 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cinco anos, José Dieste (Vilanova, 1985) asumía plenamente a xerencia do Derby. A súa relación coa hostalería vén, porén, de moito máis atrás, practicamente dende que era un neno. Logo chegou a coctelería, as distincións coma barista, os premios na Feira das Tapas e a formación nunha cociña na que comezou de xeito autodidacta. O luns deu un paso adiante nun eido moi distinto: é xa, a todos os efectos, o presidente da Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas.

-¿Por que coller a presidencia nun momento tan complicado?

-Eu estaba xa na executiva saínte. E creo que a xestión de actividades é algo moi importante. Necesitamos cousas para facer substancia, valor engadido e ofrecerlle aos nosos clientes unha historia real. Dábame pena que a asociación se perdese.

-Hai quen pensa que a asociación se centrou demasiado na hostalería e descoidou o resto. ¿Está de acordo?

-Pode ser, e iso dende logo ten que cambiar. Temos que traballar nos activos turísticos. Una Feira das Tapas, por exemplo, ten que representar a toda Vilagarcía. Ser sinónimo de boa gastronomía, pero tamén de bo comercio, dun bo turismo Temos que ir da man do comercio, de todos os sectores implicados.

-Falando da Feira das Tapas, este ano caeu do calendario xunto As Nove na Praia. ¿Ten sentido recuperar estas actividades?

-Claro que si, pero o que hai que facer é repensar todo o que ten que ver co financiamento.

-Pode chegar a parecer que todo depende de subvencións.

-Nunha feira gastronómica, obviamente, o Concello debe estar como impulsor. Pero é certo que esa feira debe ser un resumo de Vilagarcía. E temos que buscar patrocinios, a implicación da iniciativa privada. Creo que Vilagarcía ten recursos abondo como para crear esa V na que pensamos como marca de calidade, capaz de atraer xente de fóra, e unha gran diversidade de negocios. Como se fixo na ruta dos gintónic, con profesionais que xeren contidos. Falamos de crear unha aula de formación na praza, o que implica tender lazos coa asociación de praceiros, coa Cámara de Comercio, con FECA, coas confrarías de Carril e Vilaxoán, co Consello do Mexillón...

-Todas esas ideas iranse desenvolvendo co tempo. Pero se falamos do inmediato, ¿que é o primeiro asunto que abordará a nova executiva?

-A transparencia e a información. Facilitar un número de contacto directo aos asociados. E comezar a tender eses lazos dos que estamos falando.

-¿E en canto ao calendario?

-Penso que debemos ir pensando no Entroido. Unha oportunidade factible de poñer en práctica esas sinerxías que engloben a toda Vilagarcía. Traballar nun Entroido propio. E iso quere dicir tamén Vilaxoán, por exemplo, non todo ten que funcionar no centro. O Sábado de Piñata pode ser un prato quente.

josé dieste novo presidente de ahituvi

«A oportunidade

de englobar a toda Vilagarcía nun evento pode ser

un Entroido propio»