Quico Cadaval e Javier Varela estrean o sábado no auditorio as súas «Noites de Retranca»

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cadaval e Varela presentaron onte o espectáculo xunta Sonia Outón.
Cadaval e Varela presentaron onte o espectáculo xunta Sonia Outón.

27 nov 2015 . Actualizado a las 11:41 h.

Dende hai seis anos, a produtora Robabiero roda por este e outros países levando as súas Noites de Retranca ás costas. Humor feito en Galicia de alcance universal que desta volta repousa nos maxíns dun clásico, Quico Cadaval (Ribeira, 1960) e dunha figura emerxente, Javier Varela (Chantada, nalgún momento dos primeiros 80). O espectáculo, consistente en dúas horas de humor consistente, estrease pasado mañá, sábado, no auditorio de Vilagarcía a iso das nove da noite. As entradas, verdadeiramente económicas, entre os 6 e os 10 euros por butaca, pódense mercar xa a través da web Ataquilla ou na propia billeteira ata dúas horas antes do inicio dos monólogos.

Dalgún xeito, Cadaval e Varela amosaron onte, na presentación do espectáculo, o que pode dar de si a interacción entre dous conxuntos de neuronas coma os que enchen os seus respectivos caletres. Sabemos que o de Chantada, que defende en Madrid os seus monólogos rápidos, estilo stand up iuesei, participa en Urxencias Cero, unha ficción a punto de pronta estrea na TVG. «Alégrome porque a un, a certa idade, xa só lle dan papeis de borracho que promete deixar de beber, enfermo terminal ou accidentado», reflexionou o de Ribeira logo de coñecer de boca do seu compañeiro a boa nova. Cadaval, por certo, promete acudir á capital arousá «suspendendo hostilidades» desas que navegan entre as beiras da ría. Varela lembra que o seu pai estudou algo semellante a enxeñería agrícola en Vilagarcía para rematar coma restaurador, antes chamados hostaleiros. Cadaval rememorou os «bares de cultura» da cidade, «con pouco público, de folerpa, con entusiasmos vidrosos». Un falará dos problemas da pel de Iniesta neste intre da súa carreira deportiva e da Revolución Soviética». «Así son as asociacións insólitas que lle veñen á cabeza a este chaval», rematou Cadaval, confesando o seu gusto pola cultura funeraria e aquela pintada nun cemiterio, de semántica irreprochable, que lles chamaba «corruptos» aos finados.