«Houbo agostos peores, pero en setembro volverá o verán»

b. c. vilagarcía / AGENCIA

VILAGARCÍA DE AROUSA

30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Contan desde o servizo de predición meteorolóxica 4 Gotas que cando o tempo se torce, as consultas dispáranse. E este agosto, especialmente os últimos días, a súa web e as redes sociais botaron fume porque a xente quería saber se, por fin, ían poder gozar do sol. Non houbo sorte e 4 Gotas volveu facer de pano de bágoas para moitos. Pero setembro arrinca con bos augurios.

-¿Foi agosto tan malo como parece?

-Houbo agostos peores, e tendo en conta o xullo espectacular que houbo, case compensa. Si que a temperatura foi inferior á media, e a cantidade de chuvia máis alta do habitual, pero por contra, en xullo houbo catro graos máis de temperatura do normal. Xullo foi espectacular, e agosto foi pobre pero non paupérrimo.

-Quizais é que estes días deixaron moi mal sabor de boca.

-Si, a sensación que deixan os últimos días moi mala, pero houbo bastantes días de praia.

-¿E setembro?

-Volverá o verán. O domingo [hoxe] seguirá a temperatura alta pero con nubes e risco da treboada. Xa o luns empezará a limpar e volve o norte con anticiclón, porque levamos unha semana con vento do sur nada habitual. Desde o luns a tarde ata domingo gozaremos do sol e de praia.