O Cortegada repesca a Amy Syll para formar parella con Mame

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

O equipo queda encadrado na Liga con Canarias, Extremadura, Aragón, Euskadi, Asturias e Castela-León

04 ago 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

A directiva da Agrupación Deportiva Cortegada aposta sobre seguro á hora de cubrir dous dos tres francos que o club vilagarcián vén ocupando con xogadoras foráneas desde que a crueza da crise o obrigou a pensar antes na recuperación económica ca en reverdecer vellas glorias deportivas. Dunha tacada, os responsables da entidade anunciaban onte a renovación de Mame Coumba Sy e o retorno de Ndeye Amy Syll ao club no que completara a súa etapa de formación, para converterse en estrela da LF2 antes do seu salto no verán do 2013 á Liga Feminina da man do C.B. Zamarat. Unha dobre operación que mantén a confianza dos arquitectos do Cortegada por deixar o peso do xogo interior do seu primeiro plantel nas mans de dúas torres senegalesas. As dúas con 197 centímetros de estatura nas súas respectivas fichas federativas. No caso de Amy, dotando o seu de novo equipo de 5 centímetros máis, toda vez que vén substituír á súa compatriota Tabara Samba, de 192.

Amy Syll volta ao vestiario de Fontecarmoa tras tentar sen sorte facerse un oco na máxima categoría feminina. Unha LF na que desembarcaba logo de brillar no Cortegada nas súas dúas tempadas no primeiro plantel, tras outras tantas no conxunto xuvenil. Na súa primeira campaña na LF2 Syll promediou 8,8 puntos e 6,4 rebotes por encontro na fase regular, e 8,7 e 5,3 na de ascenso. Ao ano seguinte, no exercicio 2012/13, as súas prestacións anotadoras aumentaron lixeiramente, ata os 10,4 puntos, mentres que a súa produción reboteadora pegou un salto cualitativo, remantado con 9,6 capturas por encontro. Co sinsabor da renuncia do club a disputar a fase de ascenso para a que se clasificara o equipo nas canchas, Amy probou sorte na Liga Feminina da man do Zamarat na campaña 2013/14, cuns números moito máis discretos en liña coa súa xuventude -o pasado 19 de xullo cumpríu 22 anos- e o cambio de categoría: 4,1 puntos e 3,3 rebotes, iso si, en 13.09 minutos de media en pista por encontro, polos 22.59 do seu último ano en Vilagarcía. A pasada tempada, no Cadí La Seu, os seus promedios caeron ata os 3 puntos e os 2,5 rebotes en 10.31 minutos de xogo.

Amy toparáse no Cortegada co seu reflexo, só que dous anos máis nova e pechando a súa etapa de formación no Uni Girona en vez dun Cortegada ao que Mame chegaba no verán do 2013 xusto como recambio de Syll. Así, dos 9,3 puntos e 8,5 rebotes en 27.14 minutos do seu exercicio de debú en Arousa, Mame pasou a pasada LF2 a promediar 12,5 e 9,6 en 30.11, respectivamente. E fíxoo probando unha implicación absoluta co colectivo, forzando o seu maltreito físico nos derradeiros partidos da Liga, nos que o Cortegada loitou sen sorte por clasificarse para a fase de ascenso á Liga Feminina.

Coas dúas torres senegalesas o Cortegada 2015/16 conta xa con seis xogadoras, tras as xa anunciadas renovacións de Sara Gómez, Gilabert, Alejandra Nogueira e Míriam. Un plantel que deberá afrontar unha Liga moito máis esixente logo de confirmar a Federación Española a división dos 28 equipos nos dous grupos da LF2, por canto aos seus vellos coñecidos de Euskadi, Asturias, Castela-León e Extremadura, o Cortegada engádelle o recén descendido Al-Qázeres e os longos desprazamentos a Zaragoza (B.F. Aragón) e, sobre todo, a dobre visita a La Laguna, Tenerife (C.D. Adareva e C. Los Adelantados).

baloncesto