O Olloboi desborda as previsións e amósase como un referente galego

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / L.A VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Os organizadores do festival audiovisual con Andrés Mahía, Luís Avilés e Federico Pérez.
Os organizadores do festival audiovisual con Andrés Mahía, Luís Avilés e Federico Pérez.

Coles de Arousa e Meaño levaron os premios da organización e do público

02 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Había tempo, uns cinco anos, que un grupo de profesores vinculados á comarca de Barbanza buscaban darlle un pulo ao audiovisual nas aulas, contribuíndo así a crear canteira de espectadores, pero tamén de directores, guionistas ou mesmo actores. Onte, en Boiro, quedou demostrado que conseguiron o seu obxectivo, ou polo menos están no bo camiño. O festival Olloboi, que xa batera récord de participación con 150 traballos recibidos, desbordou todas as previsións e amosouse como un referente galego na materia. Á espera de que tivese lugar a entrega de galardóns, os promotores falaban desta edición como a que marcaría o desexado punto de inflexión e permitiríalle ao certame dar o salto definitivo.

A gran festa do audiovisual arrancaba ás tres da tarde nas instalacións do Club Náutico de Cabo de Cruz, onde unhas setenta persoas recollían as bolsas de picnic preparadas pola organización e, entre bocado e bocado, falaban de curtas, de cine, de actores e de directores. Había, sobre todo, mestres e alumnos do medio cento de centros educativos que concorreron cos seus traballos a esta edición do Olloboi, pero tamén estaban a actriz Sabela Hermida, integrante do xurado, e o director Luís Avilés.

O cineasta noiés cobraba protagonismo na seguinte actividade da xornada, para a que as instalacións de Estaleiros Triñanes se convertesen nunha improvisada sala de cine. As 140 persoas alí reunidas asistían á proxección de Unary, a curta de Luís Avilés que resultou gañadora na última edición dos Mestre Mateo, e de Encallados. Entre o público atopábase o guionista deste filme, Andrés Mahía, que participaba despois nun coloquio cos presentes, e un dos actores, Federico Pérez.

Relación de premiados

Quedaba pendente aínda o prato forte da xornada, unha gala de entrega dos premios Olloboi para a que había inscritos 380 espectadores, superando por bastante o aforo do salón de actos da casa de cultura da Cachada. Alí, estaba previsto que Federico Pérez e Touriñan fosen cantando o nome dos dez colexios gañadores desta edición do Olloboi: o colexio Eusebio Baleirón (Dodro) nas categorías de Cómico e DJ, o instituto de Cacheiras (Teo) en Peleón, o instituto As Barxas (Moaña) en Fotoxénico e Animado, e a escola infantil de Xustáns (Ponte Caldelas) en Orixinal.

A maiores, o CEE de Vilagarcía facíase co Zamburriori, o galardón concedido pola organización do certame, mentres que o colexio de Coirón (Dena) se levaba o premio do público.

Completan a listaxe a escola de San Vicente (A Baña), que se alzou coa distinción especial patrocinada polo Encontro de Embarcacións Tradicionais; e a Facultade de Ciencias Sociais e da Educación de Pontevedra, distinguida na categoría de universidades.

A relación de premiados era unha parte importante da festa do audiovisual que onte tivo lugar en Boiro pero o gran éxito, como deixaron claro tanto Luís Avilés como Andrés Mahía, consistiu en sacar as películas dos cines, proxectalas en espazos diferentes e conseguir así chegar ao corazón do pobo. De feito, na localidade barbancesa déronse cita desde alumnos e mestres ata veciños do lugar, pasando por traballadores das distintas empresas colaboradoras co certame.