De que non hai porqué

VALGA

MARTINA MISER

21 sep 2019 . Actualizado a las 14:18 h.

Nestes días estremeceunos a destrución dunha familia cos asasinatos de Valga. Resistir iso parece imposible. A violencia irracional leva acompañando o ser humano desde que este está no mundo. A Historia está infestada, empezoñada, de mortes: guerras, execucións, homicidios.

Esa convivencia secular coa aniquilación do home polo home fai que, dalgún xeito, as novas asociadas a crimes contra a vida humana sexan recibidas cunha especie de

anormal normalidade, sempre sen que ninguén deixe de sobresaltarse cando noticias atroces como esta, ou como a de hai uns anos en Caldas, sacoden con brutal crueldade o noso día a día e tan preto de nós.

Tendemos, tamén, a imaxinarnos o homicida como alguén de aspecto truculento, torvo e ata nos sorprende, tantas veces, que teña unha aparencia vulgar, corrente, sen nin sequera mirada de trastornado.

Cando ocorren estes crimes impensables, inexplicables, todos matinamos en como é posible que sucedan en pleno século XXI, nun lugar coma o noso, cun sistema de ensinanza universal, cuns medios de comunicación que, a diario, transmiten o rexeitamento destas atrocidades. Diante destes actos de violencia irracional ou nos desgraciadamente máis habituais de violencia de xénero, algúns, e así se puido ler neste días nalgún medio, buscan un móbil. Un porqué. Non se chega a comprender moi ben por que: quizais a literatura do xénero negro, quizais a incomprensión, quizais a propia ruindade do ocorrido. Un porqué. É como se se esperase necesario que houbese algunha causa que puidese desculpar sacarlle a vida a alguén. É o camiño errado de querer buscar unha xustificación.

É posible que aí estea unha parte do problema e, especialmente, nun ambiente de intolerable machismo primitivo, de xusticeiros trastornados pola vida. É posible que algunha mente retorcida, forzosamente enferma, poida matinar que se pode admitir un móbil, xustificar cun porqué. E iso pode que apareza como elemento común en toda esta clase de violencia, de xeito que ás mentalidades non especialmente desenvoltas, estúpidas, lles sexa doado considerar a existencia dunha xustificación. Pode que aí teñamos un dos cernes desta terrible gangrena da violencia contra a integridade e a vida humanas. Por iso temos que dicir que, en ningún caso, nin sequera xuridicamente, se admite o móbil. Non existe desculpa, en ningún ámbito, para causar danos ou privación da vida. Repitámolo con claridade: non existe porqué, non hai pretexto nin posible, nin admisible. As diferenzas de calquera clase entre seres humanos teñencanles para resolverse ou ata poden non solucionarse.

Hai que inculcar que ningunha clase de desesperación, de causa, ou de escusa pode permitir atentar contra outra persoa. A vida é un dereito absoluto. Non podemos admitir como sociedade que nun suposto de violencia de xénero, ou de violencia contra as persoas en xeral, xurda, en ninguén, a pregunta de por que lle pegou, por que a matou. Non existe un porqué. Non pode ser.