O goberno de Valga agradece publicamente o apoio recibido tras o múltiple asasinato machista

La Voz

VALGA

MARTINA MISER

Emite un comunicado que conclúe reclamando «unha sociedade mellor, máis xusta e máis igualitaria», e pide unir a voz de todos para falar polas vítimas que xa non están

20 sep 2019 . Actualizado a las 18:21 h.

O goberno municipal de Valga vén de emitir un comunicado público para darlles as grazas a tantas administracións, entidades públicas e privadas, asociacións, particulares e, sobre todo, os seus veciños polo traballo uns, e polo apoio prestado por todos tras o brutal asasinato múltiple machista de Sandra, de Alba e de Elena. O seguinte é o texto íntegro do comunicado do executivo local.

«O goberno municipal de Valgaquere transmitir o seu agradecemento á Secretaría Xeral da Igualdade, Consellería de Política Social, Consellería de Educación, Subdelegación do Goberno, Garda Civil, Policía, Servizos Sanitarios, Centro de Saúde, Equipo de Resposta Inmediata en Emerxencias Psicosocial (ERIE) de Cruz Vermella, Grupo de Emerxencias (GES), Protección Civil, Grupo de Intervención Psicolóxica (GIPCE), Fundación Amigos de Galicia, veciños que colaboraron dende o primeiro momento coas forzas de seguridade e arrouparon á familia, traballadores municipais, centro de día, centros educativos, asociacións, clubs, e empresas que se puxeron a disposición plena deste concello.

Grazas ás mostras de solidariedade dos nosos concellos veciños e de concellos de toda España, de persoas anónimas e de colectivos sociais.

E, sobre todo, grazas ao pobo de Valga, á gran calidade humana dos nosos veciños. Estamos orgullosos do gran pobo que formamos.

No medio desta dor debe xurdir a esperanza.

Xuntemos esforzos e loitemos xuntos por unha sociedade mellor, máis xusta e máis igualitaria.

Por María José, por Elena, por Sandra, por Alba, e por todas as mulleres que xa non poden loitar.

SEXAMOS NÓS A SÚA VOZ.».