«O cambio é considerable, a anterior opción partía o pobo»

m. santaló VALGA / LA VOZ

VALGA

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras anos reclamando unha variante que desemboque na Nacional 550 e que pase polo concello que o reelixe relixiosamente como rexedor cada vez que toca acudir as urnas, Bello Maneiro móstrase satisfeito coa nova alternativa. De aprobarse definitivamente, achegará a Valga á autoestrada. Un vello anceio que parece a piques de facerse realidade.

-¿É un éxito para Valga?

-Por suposto, tívose en conta a solicitude que se fixo dende o Concello. O cambio é considerable. A anterior alternativa presentada por Fomento dividía o pobo en dous e pasaba a douscentos metros da Casa Consistorial. Esta nova proposta finaliza no punto que propuxeramos, no lugar de Bronllo, ofrecendo un punto de acceso e saída a todos os veciños do municipio.

-Entón, ¿nesta ocasión non haberá alegacións por parte da corporación?

-Correcto. Esperamos que, finalizado o prazo para as alegacións, o proceso siga para adiante e poder ter a variante. Pero sabemos que o proceso será lento. Trátate dun orzamento elevado, 58 millóns de euros, así que a execución vaise desenvolver en varias anualidades.

-¿Teñen datos sobre o tráfico que se xera na N-550?

-Hai distintos datos en distintos puntos do camiño pero, en xeral, as caravanas son diarias e continuas.

-¿Algunha hora punta?

-Depende do día, habendo momentos en que é realmente desesperante. A fin de semana acostuma a ser o momento de máis aglomeración e, especialmente, os domingos debido ao mercado de Padrón. A persoa que teña que ir a Santiago esa mañá.... Coa variante evitaranse esas esperas.