Ribadumia e Céltiga déixanse de cábalas, e só pensan en gañar

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

OSCAR VíFER

O equipo da Illa pasou de poder encarrilar a permanencia a verse por detrás do veciño nunha última xornada na que pelexarán por eludir o único arrastre confirmado

09 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas son as únicas cousas seguras para o Ribadumia (45 puntos) e o Céltiga (44) tras a penúltima xornada das Ligas de Terceira e de Segunda División B. Que ambos seguen a ser equipos da primeira das mencionadas categorías, co conxunto aurinegro condenando a domicilio o Castro de Lugo á última praza de descenso directo. E que será un dos dous o que se convirta en conxunto de Preferente á espera de ver cantos ou ningún dos representantes galegos na inminente promoción de ascenso á categoría de bronce do balompé español conseguen dar o gran salto, e anular o arrastre causado pola caída do pechacancelas da Segunda B, o Somozas.

A cousa pode ser moito peor. E seráo se o Boiro non é quen de superar con éxito este domingo unha derradeira xornada na división que inda comparte co Somozas. Xornada que inicia quinto pola cola na única praza de promoción de permanencia. Cos mesmos 42 puntos có Caudal Deportivo, un posto por riba en zona de salvación e co que figura empatado absolutamente a todo na clasificación, e con 2 puntos de vantaxe respecto ao Multivera, que cos seus 40 puntos inda pode fuxir da queima no último momento. Boiro-Burgos (14.º e salvado), Caudal-Pontevedra (4.º e clasificado para a fase de ascenso a Segunda), e Multivera-Palencia (18.º e descendido) dirimirán o desenlace na Segunda B.

«Podemos debatir mucho sobre lo que pasará con el Boiro, y sobre qué hará o qué no hará el Céltiga en su campo frente al Castro el domingo. Pero sobre eso no tenemos ninguna incidencia. Lo que nos tiene que preocupar es sumar de 3 en nuestro partido en A Senra con el As Pontes». Así se refería onte o adestrador do Ribadumia, David Sierra, ao ser preguntado sobre o panorama interconectado das derradeiras xornadas da Terceira e da Segunda B.

Ao respecto, o técnico aurinegro salienta que, pese a estar descendido desde hai semanas, o As Pontes «parece que se ha asentado en el último mes, y sin el lastre de la clasificación, puede competirle a cualquiera, y está cerca de ganarle a todo el mundo». Nas últimas tres semanas, de feito, fíxoo co Negreira, 2-1, empatando despois a 3 en Barbadás e perdendo o pasado domingo tan só 1-2 cun Dépor B que buscaba, e conseguíu, o título con dereito a pelexar o ascenso directo nunha primeira eliminatoria, ou facelo gañando despois doutras dúas. O maior problema para Sierra son as baixas. Con Miguel completando ciclo de amarelas, e con Pacheco, con David Rodríguez e con Agus dúbidas por problemas físicos.

Con outro descendido e en campo propio xogará tamén o Céltiga o seu derradeiro partido, o Castro. «Xa non está nas nosas mans», dicía onte o técnico do cadro illense. Un Edu Charlín que o domingo víu como o seu plantel pasaba de poder encarrilar a permanencia, a ser o primeiro candidato ao descenso por arrastre. «O Ribadumia recibe a un As Pontes que está a competir ben, pero teno nas súas mans, e non creo que o deixe escapar», sinala Charlín, que perde a Marcos Rodríguez, por expulsión, e dubida se poder dispor de Nelo e de Jónathan, retirados en Cangas por sendas escordaduras de nocello.