Vilalonga, Céltiga e Ribadumia bailan o xogo da silla con media Terceira

RIBADUMIA

martina miser

Con só seis xornadas xa por diante, a infinidade de duelos directos entre os dez implicados no descenso será decisiva

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco, ou mesmo seis. Condenado o Somozas, a posible caída en desgraza do Boiro desde a Segunda División B converte a pelexa pola permanencia na Terceira nun drama no que, a día de hoxe e con xa só seis xornadas por diante, ten que lidiar media Liga. Literalmente. Cos dez equipos que desfilan na clasificación desde un Silva noveno con 48 puntos a un Castro que ocupa a cuarta praza pola cola da táboa con 36. Por arriba, os sete aspirantes en pé polos catro postos de promoción, e por abaixo, As Pontes, Dubra e Ordes, conxuntos de Preferente a vindeira tempada.

Descoñecendo se serán dúas ou tres as sillas que falten no momento en que deixen de soar as cancións da Segunda B e da Terceira, o Silva semella virtualmente salvado. Con 48 puntos, a só 2 dos que, como moito, estimaban onte precisos no peor dos escenarios os técnicos do Vilalonga, Antonio Fernández, e do Ribadumia, David Sierra. O primeiro, cos deberes case feitos, ao igual có Barbadás, ambos os dous con 46 puntos.

Claro que o Vilalonga é, xunto co Barco, 13.º con 42 puntos, o equipo implicado na pelexa pola permanencia que máis partidos deberá encarar con rivais inmersos na guerra pola promoción. Concretamente, a metade dos seis que lles restan (ver calendarios individuais adxuntos).

O certo é que serán a infinidade de duelos directos que se sucederán de aquí ao final da competición os que rematen decidindo os nomes dos últimos condenados á Preferente.

Claro que contar no calendario con cita con algún dos tres últimos clasificados debería axudar, e Barbadás (10º., 46 puntos), Negreira (11º., 44) e Choco (12.º, 43) gozarán de dúas cada un.

Antes de xogarse a vida cos seus rivais directos e, na derradeira xornada, ante o As Pontes, o Ribadumia (15º., 43 puntos) recibirá nada menos co líder, o Dépor B, e o cuarto, o Racing Vilalbés. Escollos que tamén deberá superar o Céltiga, endurecidos no seu caso polo factor campo en contra.