O Vilalonga pecha os seus festexos de volta á Copa

vilagarcía / la voz

RIBADUMIA

Recibe hoxe nos oitavos de final o seu rival o domingo en Liga, o C.D. Lalín

04 may 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

O Vilalonga arrincaba a última hora da tarde do pasado domingo os festexos polo seu título de campión da Preferente Autonómica Sur. Unha celebración prolongada na troula ata altas horas da madrugada do luns, e no deportivo durante tres días. Os que van desde o último partido de Liga disputado polos homes de Antonio Fernández e o seu encontro de oitavos de final da Copa Deputación que esta noite, a partir das nove, os mide co C.D. Lalín no Novo San Pedro.

Conscientes de que convocar o plantel para a habitual sesión de traballo dos luns era un absurdo, corpo técnico e directiva do Vilalonga coincidiron en agasallar os seus futbolistas cun día extra de descanso, como xa fixeran a semana anterior tras certificar matematicamente o ascenso de volta á Terceira División.

Curiosamente, o Vilalonga mídese hoxe a quen será tamén este domingo o seu rival na antepenúltima xornada de Liga da Preferente Autonómica. Un Lalín centrado en eludir a que sería unha auténtica debacle nun club ata hai non tantos anos habitual da Segunda División B, o descenso á Primeira Autonómica. Esa necesidade de reservar forzas para o choque ligueiro debería compensar a perda de rodaxe do Vilalonga esta semana.

De novo na Copa Deputación, o Ribadumia buscará o seu pase aos cuartos de final mañá ás nove da noite no campo do Estudiantil de Preferente Norte.