Alberto Vázquez: «O posto natural do club non é a Terceira. Isto é unha anécdota»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Vázquez -dereita-, o domingo co seu predecesor no cargo.
Vázquez -dereita-, o domingo co seu predecesor no cargo. cedida< / span>

"Nin me deixei liar, nin me liaron", di o sucesor de Cores, que anuncia que o orzamento «maior có deste ano non vai ser» 

26 may 2015 . Actualizado a las 11:41 h.

Porteiro nos seus anos de futbolista nas filas do Umia, Vilalonga e Ribadumia alá pola década dos 70, Alberto Vázquez (5 de decembro de 1957) asumíu o pasado domingo o relevo de José Manuel Cores á fronte da presidencia do club da Senra. Fíxoo mirando fronte a fronte o balón, asumindo unha responsabilidade que tanto soe impoñer, que a maioría foxe dela por medo a non ser quen de agarrala ben coas mans. Mesmo cando se trata de atrapar un balón en longo sen aparente perigo como o dun C.D. Ribadumia que vén de rozar a clasificación para a fase de ascenso á Segunda B no seu debú na Terceira. Non é o caso dun Alberto Vázquez que se estrea sen a menor experiencia nunha directiva. O venres á noite presentará os seus compañeiros de aliñación, na súa maioría vellos coñecidos nas oficinas da Senra.

-Neste tipo de situacións a pregunta semella obvia, ¿liárono, ou deixouse liar?

-Ben... Nin me deixei liar, nin me liaron. Chegou un momento en que o presidente saínte -José Manuel Cores- despois duns anos decidíu delegar, inda que vai seguir practicamente todo o grupo. E amigos que estaban na directiva dixéronme, ?Berto, vamos?. Aquí todos nos coñecemos. Todos somos amigos ou coñecidos. Somos unha familia. Isto é unha aldea. A min ninguén me levou á forza.

-Asume a presidencia dun club saneado e que vén da mellor clasificación no seu máis de medio século de historia. ¿Que é maior, o peso da responsabilidade, ou da ilusión de poder mellorar o xa acadado polo C.D. Ribadumia?

-A responsabilidade. O de mellorar véxoo difícil. Isto son momentos que pasan unha vez na vida, como o do Éibar. O posto natural do Ribadumia non é a Terceira División, nin moito menos. Pero mentres se disfruta, disfrútase. Somos o equipo dun pobo pequeno. É unha anécdota, bonita.

-A tempada que vén de rematar trouxo non só a sétima praza na Terceira. Tamén o remate do complexo da Senra, cun campo totalmente renovado e un anexo sintético de última xeración. E ademais, un ribadumiense á fronte da Federación Galega de Fútbol. Non sei se con eses condicionantes resultou más doado asumir a presidencia do club...

-Pois, a verdade, xa veremos. Pode ser bo, e pode ser malo. Aquí hai xente moi traballadora. Iso é o importante. O que dis -do presidente da FGF- pode ser hoxe, e pode non ser. Para min, por riba de todo, está o club.

-Nada máis asumir o cargo adiantou a súa intención de contar co groso da directiva de José Manuel Cores. ¿Como vai a tarefa?

-Puxen a condición de que seguira o maior número posible de directivos. E que sigan de verdade. Deixei claro que se alguén quere estar aquí, que estea, e se non, que o diga. E a partir de aí, poñerse a traballar. Iso é imprescindible en cada club. Cada un debe dar o mellor de si. De momento, todos se comprometeron a estar aí para botar unha man; mesmo o presidente saínte. Se non fose así, sería moi complicado. Aquí todo o mundo fai falta. En principio semella que hai plena disposición de todos a seguir.

-¿Ve posible superar a sétima praza selada hai dez días?

-Se che son sincero, para nada. Pero ben [ri] no fútbol todo pode pasar. De feito este ano xa se víu. O Ribadumia é un equipo modesto. Cando os rivais viron que o Ribadumia era un equipo serio, que xogaba o fútbol, e que se lle deixabas algo de campo te bailaba, cada vez se tomaban o Ribadumia máis en serio. E para o ano vai ser moi difícil mesmo igualar esa praza. Os contrarios xa nos coñecen. E a ver con que equipo se vai contar.

-Falando diso ¿cal é o seu proxecto deportivo para o club?

-Pois agora mesmo unha cousa é a miña ilusión, e outra cousa o que se poida facer realmente. O venres haberá unha toma de posesión, e unha xuntanza para comezar a xestionar cousas e definir o tipo de proxecto. Por agora estou a recabar datos para saber que se pode facer, e que non a vindeira tempada.

-Se as casas se empezan a construír polo chan, no fútbol os equipos que aspiran a chegar a bo porto arrincan coa escolla do responsable do seu banquillo. ¿Xa ten a súa elección feita?

-Aínda non. Temos, por decilo así, unha predileción. Pero de momento, en efectivo, non hai nada. Cando o haxa, saberáse.

-¿E que nos pode adiantar do plantel? ¿Vai haber nas vindeiras semanas moitos bailes de nomes?

-Pois... Non o sei. Seguramente haberá algo. Pero de momento nada en concreto. Primeiro temos que ter claro o orzamento. E maior có deste ano non vai ser.