O Grove servirá o sábado de pista do Campionato Galego Infantil Individual

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

A proba contará con 338 padexeiros de 37 clubs

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A ponte da Toxa e o espigón de abrigo do porto do Grove converteránse este sábado nos extremos da pista accidental do Campionato Galego de Infantís Individual. Unha cita que será tamén a trixésimo primeira edición do Trofeo Concello do Grove de Piragüismo.

Organizado polo C.M.D.C. Breogán do Grove e pola Federación Galega de Piragüismo -Fegapi-, co patrocinio do Concello do Grove e da Deputación de Pontevedra, a cita deportiva foi presentada onte ao mediodía na Sala das Cunchas da casa consistorial meca da man do concelleiro de deportes, Santiago Meis, do presidente da Fegapi, Fredi Bea, e do seu homólogo do Breogán, Félix Lamas. Os tres salientaron o valor de contar na localidade co Campionato Galego de Infantís Individual, por canto o goberno local da Coruña tería estado interesado tamén en dispor del, nun ano no que está a facer unha forte aposta pola organización de regatas de piragüismo.

En total, serán 338 os padexeiros en acción, defendendo os escudos de 37 clubs. Cun notabilísimo salto cuantitativo respecto á edición do 2016 do Campionato Galego de Infantís Individual, disputada en Castrelo de Miño por 284 rapaces de 32 clubs.

Os dous equipos do Baixo Ulla, o Náutico Pontecesures, defensor do título na Liga Galega de Promoción, e o As Torres-Romaría Vikinga, presentan o maior número de inscritos, con 35 e con 22, respectivamente. Séguenlles o Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra con 21 padexeiros, o Náutico O Muíño con 19 e o Piragüismo Illa de Arousa con 18. O Breogán participará con 11 nenos.