Estrea triunfal do C.B. O Meco na Primeira Galega, coma líder por diante do Sigaltec

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

O conxunto grovense superou ao histórico EDM A Estrada 73-63, e o vilagarcián 53-61 ao PBB

26 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os soños dos xogadores, directivos e seareiros do Club Baloncesto O Meco non paran de multiplicarse. O pasado domingo o cadro grovense facía a súa estrea histórica na Primeira División Galega, a antesala da EBA. No seu pavillón, cun histórico da categoria como o Mimela EDM A Estrada. E o resultado foi un triunfo arousán por 73-63. Un marcador que supón un dobre fito na traxectoria do hoxe denominado Meco-Rafonca Portas e Automatismos, por tratarse do primeiro triunfo na nova categoría-teito do club, e por servir para situar o equipo grovense coma primeiro líder do Grupo Sur.

O C.B. O Meco ten xusto por debaixo na clasificación provisional a un histórico do baloncesto galego. O BBC, que un ano máis compite baixo o nome do seu patrocinador principal, Sigaltec, arrincando a tempada coa segunda vitoria máis abultada da xornada inaugural. No seu caso a domicilio e ante un dos equipos que marcara a marcha da competición a tempada pasada, o Porriño BB. O resultado final, 53-61.

Os homes que adestra Diego Doval sustentaron o seu triunfo sobre unha sólida defensa, como reflicte a pobre anotación local. Sobre todo no derradeiro cuarto, no que o Sigaltec deixou o Porriño en tan só 6 puntos sumados cunha zona ben traballada.

O Sigaltec soubo superar os seus problemas de rebote na primeira parte, e darlle a volta a un marcador en contra de 31-26 ao descanso. Damián, con 18 puntos, e Xoán, con 12, lideraron o ataque vilagarcián, marcado polo erro no tiro.