A homenaxe que non cesa

Rosa Estévez
rosa estévez REDACCIÓN / LA VOZ

O GROVE

Cos versos do «Camiño longo» de Cabanillas despediron onte os cambadeses a Luís Rei, o bibliotecario que axudou a medrar a varias xeneracións, que recomendou bos libros, que organizou as tardes de teatro. Pola tarde, no Grove, centos de persoas acudiron a darlle o seu último adeus.
Cos versos do «Camiño longo» de Cabanillas despediron onte os cambadeses a Luís Rei, o bibliotecario que axudou a medrar a varias xeneracións, que recomendou bos libros, que organizou as tardes de teatro. Pola tarde, no Grove, centos de persoas acudiron a darlle o seu último adeus. mónica ferreirós< / span>

O Grove encheu onte o cemiterio para despedir a Luís Rei, intelectual, político e activista que xa pola mañá fora honrado en Cambados

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Centos de persoas acudiron onte a O Grove para despedir a Luís Rei. Centos de rostros consternados, centos de bágoas verquidas na memoria dun intelectual, político e activista que non deixou indiferente a ninguén en vida, e que non deixa indiferente a ninguén tampouco agora, na súa morte. Acompañando á familia houbo sitio para todo o mundo. O cadaleito foi levado a ombros ata o cemiterio por compañeiros da órbita política de Luís primeiro, por compañeiros da súa andaina cultural despois. Pedro Magariños tocou a marcha do Antigo Reino de Galicia. As voces erguéronse para ler unha escolma de poemas de Cabanillas. Cantouse o himno de Galicia e soaron os aplausos. Longos minutos de aplausos ofrecidos por xente de todos os mundos aos que pertenceu ho home que hoxe falta.

A mesma pluralidade, a mesma mestizaxe social que se viviu no Grove pola tarde xa se vira pola mañá en Cambados. Ás portas do Concello para o que prestou servizos de técnico de cultura, rendéuselle unha sinxela pero sentida homenaxe. De novo, versos de Cabanillas. Desta volta, a voz de Luz Casal cantando a Negra Sombra. O resto foron os rostros emocionados de compañeiros de traballo, de camaradas da política, de amigos do camiño. Moita xente de esquerdas. E tamén moita xente de dereitas. Porque Luís Rei, a forza de ser claro, acabou deslumbrando coa súa personalidade a propios e estraños.

As bandeiras, a media asta

Sobre as cabezas dos presentes, as bandeiras a media asta do Concello. Tamén así, en sinal de loito, ondearon onte no Grove. A corporación emitíu un comunicado no que amosaba o seu pesar pola perda dun home que foi «escritor e investigador, referencia no panorama político do Grove». Por iso, o Concello organizará «un recoñecemento público á altura da importancia da figura».

O BNG do Grove, do que Luís foi rostro e voz moitos anos, tamén emitiu unha carta aberta na que lle agradecía todo o traballo feito e o seu nivel e a súa honestidade política. O Bloque solicitará que unha rúa do Grove sexa bautizada co nome de Luís Rei. Tamén en Cambados queren chamarlle polo nome do amigo perdido á casa de cultura. Unhas 200 persoas xa tiñan asinado onte esa petición en Change.org.