Memoria urxente da motora

Antón Mascato

O GROVE

11 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquela vella motora que cada día varias veces facía o traxecto entre os portos do Grove e de Cambados, levando xente, transportando mercadurías, achegando intereses, arrimando vecinos mal levados, afondou de non dar achicado tanta auga coada polos furados da cuberta. Uns anos máis tarde, un mociño deslinguado e cun porte algo abravado, dotado dun humor acedo, retranqueiro e armado de ideas de rebeldía apañadas nas lecturas do ucraíno Lev Trotski, tomaba a remuda desa motora para cumprir o seu papel, simbólico e real, na intrahistoria do Salnés. Luís Rei, forxado no mostrador da tenda taberna da nai, practicou o oficio da intelixencia escoitando aos sabios que mollan a palabra en viño. Botoulle as contas, cando xa pouco gasóleo lle quedaba no tanque, ás horas e quilómetros que fixo en vintecinco anos de ir e vir ata catro veces no día, da casa en Boibas, ao traballo en Fefiñáns, e saíalle un disparate tal que metía medo. 

Primeiro foi a intervención política, sempre na órbita do nacionalismo de esquerdas, dotado de argumentos, dialéctica e afouteza, digámolo sen reparos: foi brillante e duro cos rivais, aos que deixaba sempre desarmados, pero non quixo engolear as rodas de muíños que lle botaban algúns dirixentes cegos e medoñentos dos que non precisan do pesebre; veu logo o activismo cultural, xa con praza de técnico municipal integrado no colectivo Land Rover, eficiente, bo programador, excelso organizador e discreto bibliotecario, máis ben dado a rifarlle aos barulleiros estudantes. A seguir centrou o seu esforzo intelectual na recuperación do patrimonio marítimo material e inmaterial, e na Revista Ardentía, nos Encontros de Embarcacións fuxindo daquela parte máis virada ao consumo de ?estrellasgalicia?; e aínda tivo forzas para levantar da lousa do esquecemento ao poeta Ramón Cabanillas, a quen lle dedicou a máis portentosa crónica novelada de cantas coñecemos na literatura europea. Xa non chegou á fase de catalogar o arquivo que a familia do don Ramón puxo nas súas mans, e con iso nas do Concello. 

Cambados soubo correxir a tempo o desleixo do non recoñecemento e premiouno dúas veces cos premios Cabanillas; O Grove, non foi quen aínda de facer ese recoñecemento público da valía de quen xa é un dos seus fillos máis destacados.   O mar da Arousa ten hoxe unha cor cincenta, e en moitas dornas hai xente varada pola pena. Pero Luís Rei, que coma a vella motora,  non foi quen de achicar tanta auga que lle entrou abordo, deféndese da súa fraqueza emocional, home de buxo en corazón de manteiga, cunha arroutada bravú, mentres comeza a danzar con Juanita Mancaria, á que por fin foi coñecer alén das nubes.  Boa viaxe, camarada, e que o vento che sexa ben portante. E nós, coas túas Rosa, Sabela e Sara, viraremos as bágoas en gasoil para que non pare a motora que nos traslade a túa memoria.