Búscanse xogadores cadetes para sacar equipo en División de Honra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

O Unión Grove organiza un cásting urxente de futbolistas o sábado no Monte da Vila ao perder demasiados co seu paso a xuvenís

01 jul 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

O primeiro plantel cadete do Unión Grove facía historia o pasado 11 de abril. Os pupilos de José Vecoña convertían o club meco no segundo da bisbarra tras o Arousa en gañarse no campo o dereito a militar na División de Honra, a máxima división da categoría no balompé español. Pero o conto podería rematar sen final feliz se a desesperada iniciativa da xestora que rexe a entidade non fructifica este sábado.

Ese día o club invita a calquera futbolista cadete que o desexe a participar nunha xornada de captación de xogadores, no Monte da Vila a partir das 11.30 horas con José Vecoña coma responsable. Un cásting en toda regra que persegue atopar os 7 ou 8 deportistas que precisa o Unión para sumar aos entre 13 e 14 que repetirán categoría dos xa federados no club a pasada tempada. A outra ducia dos heroes do ascenso pasan de idade, e a xogar na Liga Galega Xuvenil, categoría na que tamén se estreará, aquí con toda seguridade, a entidade grovense a vindeira campaña. Baixas ás que se poderían engadir un par de rapaces pretendidos polo Pontevedra.

«O luns temos que ter o equipo inscripto si ou non», sinalaban desde a xestora do club. «A idea é sacar o equipo na División de Honra, pero hoxe non temos rapaces suficientes». E toda vez que «estamos a falar da categoría máis alta de España, animamos os pais a traer os seus fillos o sábado».

Polo que respecta ao primeiro plantel de Preferente, a xestora informou das renovacións de Barbeito, de Iñaki e de Rodri, e das baixas de Aspérez, Fernando Aguín e Pénjamo.