Carlos Blanco: «O Grove é unha mina»

La Voz C.C.

O GROVE

O cómico actúa mañá no Mohai xunto a Alberte Montes

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Abres o xornal e les que multan con 200 euros a un fulano de Noalla por adiantar a un can. ¿Como non vas falar diso? Para alguen coma eu O Grove é unha mina», sinala Carlos Blanco, que mañá subirá de novo ao escenario do Mohai.

Será xa unha das súas poucas actuacións ata o verán. «A semana que vén empezo a gravar unha serie nova e deixarei as contadas por unha tempada», explica. Pero antes cumpre rendir visita «aos locais dos amigos, a eses aos que me gusta ir polo menos unha vez ao ano», como é o caso do Mohai.

No Grove Carlos Blanco estará acompañado por Alberte Montes, cómico galego afincado en Barcelona. «Temos moi bo punto e moito en común», di Blanco. O de Vilagarcía exercerá de presentador do seu compañeiro e trala súas actuacións sairán xuntos ao escenario. «Será pura improvisación na que un acota o traballo do outro. Un xogo de inxenios que se cociña en directo e que o público agradece moito porque é consciente de que é algo irrepetible».