O Congreso de Catoira exporá un informe sobre o abandono feminino da competición

Vilagarcía / La Voz

CATOIRA

A cita voltará servir de antesala para a reorganización do programa olímpico de augas tranquilas coa vista posta nos Xogos do 2024

29 sep 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

O VI Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo de Catoira segue a sumar atractivos ao seu xa de por si programa de moitos quilates. Así, do 14 ao 16 de outubro serán presentadas no Auditorio da vila vikinga as conclusións dun estudo sobre as causas do abandono feminino prematuro da práctica do piragüismo de competición. Abandono anterior na súa idade media ao dos homes, ata o punto de supoñer arredor do 40 % das mulleres federadas por tempada, explican desde a organización do congreso.

Auspiciado polo Consejo Superior de Deportes, con entrevistas a máis de 150 ex padexeiras e ex adestradoras xuvenís e séniores que deixaron o piragüismo nos últimos 3 anos, o estudo busca ademais servir de elemento de traballo para a Federación Internacional de Piragüismo á hora de elaborar un paquete de medidas destinadas a frear este fenómeno. Porque das entrevistas realizadas extráese que a gran maioría das deportistas en cuestión voltaría á competición de darse unhas determinadas condicións, con factores como a conciliación da vida deportiva e familiar, o escaso apoio institucional ao deporte feminino ou os cánones de beleza que chocan coa musculación precisa na elite como causas propias do incremento do abandono feminino respecto ao nivel de retiradas dos padexeiros masculinos.

Os Xogos Olímpicos do 2024

Como na edición do 2012 respecto aos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, o Congreso Internacional de Adestradores de Catoira do 2016 contará tamén cun papel central á hora de configurar o deseño futuro do programa de piragüismo de augas tranquilas da edición 2024 dos Xogos Olímpicos. Así, desde a súa organización se adiantou que o presidente da Federación Internacional de Piragüismo, o español Patxi Perurena, vén de anunciar que na cita vikinga se abordará a elección das probas tras acadar por vez primeira en Tokio a paridade de padexeiros masculinos e femininos. Unha estrutura que, en todo caso e como xa sucedera no 2012, quedará en última instancia ao criterio final do Comité Olímpico Internacional, pero baixo a proposta das federacións. Uns entes estes últimos que escoitarán as preferencias dos adestradores. E en Catoira haberá unha boa representación dos mellores do mundo.