«Os que se queixan da débeda, que queren, ¿quitar servizos aos veciños?»

CATOIRA

MARTINA MISER

García confía en que a Deputación invista neste concello do Baixo Ulla

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva 16 anos ao fronte do Concello, e vai para catro máis. Alberto García acadou nas pasadas eleccións un concelleiro máis, ata sumar sete para o PSOE. Obviamente, está satisfeito.

-Moi satisfeito non xa polos sete concelleiros, senón polo respaldo da xente. Fomos o único partido que aumentou sete puntos en votos.

-¿Non se vai aburrir nos plenos?

-Aburrirnos non. Os plenos consumen moi poucas horas comparadas coa xestión diaria que ocupa as 24 horas do día.

-O PSOE gañou poder en Galicia, pero perdeu 23.000 votos. ¿Estanse a ler ben os resultados por parte da cúpula do seu partido?

-O partido ten que ser moi frío e analizar ben a situación. Un bo resultado obtense cando un gaña como partido máis votado e cando logra a maioría. Nas coalicións tamén gañas, gañas poder, pero haise que esmerar moito para que a xente entenda eses gobernos, e para que eses gobernos funcionen como unha unidade, non coma dous ou tres gobernos xuntos. De todas formas, insisto, o que da fortaleza a un partido son as vitorias claras.

-Gañaron a Deputación. ¿Que espera con ese cambio?

-Que quede claro que eu non quero que se goberne a Deputación como se fixo ata o de agora. Eu non creo nas deputacións, penso que deberían desaparecer, pero mentres estean aí haberá que usalas da mellor forma posible para a axuda aos concellos, sobre todo aos concellos pequenos. É necesario que se implante un factor corrector da inxustiza que, durante moitos anos, sufrimos os concellos que non tiñamos a cor da Deputación. Concellos que dende o ano 1979 foron ninguneados. Hai que aplicar ese corrector tendo en conta os anos de discriminación que padeceu cada concello por ter unha cor distinta. Haberá concellos que viviron na situación contraria durante moito tempo, e manteñan gobernos do PP, ou teñan agora gobernos de progreso, non poderán seguir recibindo o mesmo trato que recibían.

-Durante a campaña falouse moito do tema da débeda do Concello de Catoira. ¿Que vai facer para correxir ese problema?

-Este tema está moi vinculado ao anterior. Durante anos, a Deputación cando facía obras en Catoira obrigaba ao Concello a pagar unha porcentaxe elevadísima, do 30, o 40 e mesmo o 50 %. Facíano para que renunciásemos a esas obras. Pero nós non podemos renunciar, porque os veciños de Catoira, con ou sen o apoio das outras administracións, merecen ter os mesmos servizos que dos demais concellos. E os veciños non pagan impostos máis elevados por ese asunto. Polo tanto, penso que fixemos unha xestión positiva. E os que se queixan tanto da débeda deberían dicir se queren que os veciños renuncien aos servizos que teñen agora.

-Entendo que confía na Deputación para corrixir esa deriva.

-Efectivamente, a Deputación está para axudar os concellos pequenos. Se temos que facer algunha obra, esperamos que nos financien as obras que teñamos que facer ao cento por cento, como fixo o PP durante anos nos concellos do PP. Desa forma compensaríase a discriminación sufrida pola política clientelista do PP.

-¿Cales van ser as súas prioridades nesta nova etapa?

-Están no programa. Por exemplo, a parroquia de Dimo sufre dende hai tempo unha discriminación. Na carretera da Deputación non hai beirarrúas, non quixeron facelas ata agora malia que temos o proxecto redactado. Esperamos que agora se fagan. Ademais queremos manter todos os servizos que temos. A lei última que sacou Rajoy de recortes e restricións aos concellos di que os concellos de menos de 20.000 habitantes non teñen por que ter nin biblioteca, nin escola infantil, nin programa Alborexar [o plan madruga], nin centro de maiores, nin pavillón... As competencias non son municipais e podíamos pechalos todos... ¿E entón que sería dos veciños? Fago unha rogativa para que o señor Rajoy non peche eses servizos por decreto.

-¿Vai haber moitas novidades no seu novo goberno?

-O grupo é moi semellante ao do hai catro anos, só se incorporan dúas persoas novas. E en canto ás comisións e á organización do traballo, tamén vai ser mo semellante. Vai haber comisión de Medio ambiente e Sanidade; Cultura, Educación e Turismo; Deporte e Xuventude; Servizos Sociais, Igualdade e Maiores; Servizos, Obras e Emprego e Contas. En cada unha delas, ao PSOE correspóndenlle tres representantes, un ao BNG e outro ao PP.

-A oposición amosou, tras coñecer os resultados, o seu desexo de que o seu sexa un goberno dialogante e que escoite as propostas que lle faga...

-[Alporizándose un pouco] Eu non sei que manía teñen co tema do diálogo. ¿Cando non houbo diálogo en Catoira? Cada vez que veñen da oposición a pedir información, dáselles. Cada vez que traen a un colectivo ao pleno, déixaselle falar... Que me digan cantas mocións non se discutiron... Creo que ningunha. E que me diga o Bloque que mocións súas non se apoiaron, porque deberon ser moi poucas. O que pasa é que dá a impresión de que cun 38 % dos votos (o BNG ten o 24 e o PP o 14) queren gobernar eles e pasarlle por riba ao 59 % as súas ideas... E iso non é democracia. Que se remitan aos veciños, que parece que lles están dicindo que non lles gusta a política que fan.

alberto garcía alcalde socialista de catoira

«O Concello non vai construír o hotel balneario. Iso é cousa da iniciativa privada»

Para reactivar a economía local nun momento tan complexo coma este, Alberto García parece decidido a explotar as potencialidades turísticas da súa localidade.

-Parece que o turismo vai ser unha das súas grandes apostas...

-Ese é un tema básico para Catoira neste momento. O turismo e a cultura están moi entrelazados. A explotación dos recursos mineiro medicinais e a nosa posición internacional como destino vikingo, tanto pola Romaría como polo itinerario europeo Destino Vikingo. E tamén temos que sacar partido do auditorio como centro de reunións e congresos.

-Levaba no seu programa a construción dun hotel balneario. ¿Hai algún horizonte temporal para este proxecto?

-Precisamente o día 24 terminou a exposición pública do proxecto de explotación e protección do perímetro do acuífero. Aquí remata un traballo de quince anos por parte do Concello. Temos claro que non imos construír un hotel balneario, iso é cousa da iniciativa privada. É un proxecto que ten que ser rendible e deixar beneficio para o Concello e como persoa xurídica e para os veciños. No primeiro ano esperamos atopar a alguén interesado neste asunto, e que durante este mandato o balneario estea en construción.

-A ruta europea Destino Vikingo é algo do que está moi orgulloso...

-Este foi un logro moi importante. Pretendemos que Catoira sexa o final deste camiño, desta ruta euroepa. De feito, esperamos que o edificio que temos nas Torres se converta nun museo vikingo e medieval, que sexa, xunto coas propias torres, un lugar de peregrinaxe.

-No programa electoral de todos os grupos falábase de facer todo o posible para promover o polígono industrial de Abalo. ¿Como se fai iso?

-Hai que valorar que o concello fóra quen de facer un polígono industrial que outros concellos aínda están pedindo. Cando se empezou a construír, as parcelas estaban apalabradas. Pero chegou a crise e os problemas coa financiamento. Entón o Concello conseguiu que se construíran varias naves para o seu alugueiro con opción de compra, pero non funcionou. Aínda así, esas naves están aí e se a economía vai ben -ogallá vaia ben- o noso polígono será dos primeiros que se encha de empresas.