O Concello de Cambados pechou o exercicio 2016 cun superávit de 609.177 euros e reduxo a morosidade á metade

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O concelleiro de Economía atribúe estes datos a política eficaz do grupo de goberno

25 jul 2017 . Actualizado a las 17:09 h.

O goberno local de Cambados saldou as contas correspondentes ao exercicio 2016 cun superávit de 609.177,82 euros, un dos máis altos dos últimos anos malia as dificultades impostas o atoparse nun Plan de Axuste Económico-Financeiro imposto polo excesivo gasto realizado sen asignación orzamentaria nos meses antes das eleccións de 2015, segundo explica o concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín.

O informe da intervención municipal subliña que o remanente de tesourería ascende a 78.080,39 euros e cumpre os obxectivos fixados no Plan Económico-Financeiro para o período 2016/2017 aprobado polo pleno do Concello.

As arcas do Concello manteñen a peche de 2016 un saldo bancario de 767.597,21 euros. A débeda pendente con provedores sitúase no importe máis baixo dende que o concello de Cambados emite informes, así neste trimestre a morosidade é de 455.892,97 euros, reducindo nun 65 % a morosidade en comparación co saldo que se atopou o actual goberno cando chegou no exercicio 2015. Tamén houbo unha redución na débeda viva, coas entidades financeiras, en máis dun millón de euros, pasando de 2,4 millóns de euros en 2015 1,4 millóns de saldo pendente na actualidade, o que supuxo reducir a débeda total do concello nestes dous anos de goberno á metade, pasando de 3,7 millóns de euros en 2015 aos 1,85 millóns de euros na actualidade, reducindo a morosidade a mínimos históricos, segundo as valoracións feitas públicas hoxe por Xurxo Charlín.

«Estes datos contables débense, en gran medida, ao rigor e a responsabilidade coas que se xestionan os balances do municipio, pois un dos obxectivos fixados é o de establecer criterios acordes coas necesidades económicas, sen gastar máis do que se ingresa. A xestión do Concello, procura axustarse á realidade orzamentaria sen que iso vaia en detrimento do desenvolvemento e a prosperidade do municipio», engade o edil.

«Unha política económica eficaz non é incompatible cos investimentos importantes, contando coa colaboración doutras administracións», apunta Charlín, e pon exemplos: as obras realizadas no polígono industrial; a dotación dunha caldeira de biomasa no centro socio-cultural A Mercede; a mellora de alumeados públicos en parroquias e as obras realizadas e que se seguen realizando ao cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra como a pavimentación de camiños, a rehabilitación do muíño da Seca ou a instalación dos da seca e a instalacións de redutores de velocidade.