«O obxectivo será a permanencia, pero iso non quere dicir que o equipo vaia renunciar a nada»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARCOS MÍGUEZ

O novo técnico do Xuven Cambados salienta a defensa sólida coma marca dos seus equipos, e que se fará o mellor plantel cos recursos dispoñibles

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chiqui Barros vén de asinar no Xuven Cambados coas ideas claras, sabendo ben o que, como e por que do traballo que ten por diante no Pombal.

 

-Ficha nun Xuven cun ou con dous buracos máis no seu xa habitual apertado cinto. É difícil pensar que foi a oferta económica de Cambados a que o atrapou...

-Non. Para nada. Pero son consciente de que Cambados fai un esforzo para que vaia adestrar aí. Coñezo a xente de Cambados. Coñezo a Manu Felpeto, a Toño -Lema-; e moi ben a Alberto Rodríguez, Chufi, foi xogador meu 6 anos. Apetecíame. O do Xuven é un reto bonito. Foron moi claros desde o principio sobre as circunstancias. Por onde nos temos que mover, cal é o obxectivo; que o club siga adiante e acadar a permanencia, facendo un baloncesto atractivo. Eu pretendo que sexamos un equipo sólido, que no campo poida gañar ou perder, pero ao que haxa que gañarlle.

 

-Nove anos van desde o seu último banquiño profesional masculino. Desde entón, oito cursos entre a LF2 e a LF, e o último, na Primeira División Masculina. ¿É vostede un home de ciclos, ou de oportunidades?

-Eu son adestrador. Botei 6 anos en Bembibre sendo de fóra, e en todos os equipos nos que estiven, agás en Tarragona, botei máis dunha tempada, e rematando todas. Non é doado. Un está onde o queren, e se pode, onde lle gusta. Gústame implicarme nos clubs nos que estou. Síntome afortunado de ter unha carreira tan longa.

-O que cambiou o baloncesto arousán desde a súa primeira etapa nel! Cando dirixía o Inelga Cefrico Vilagarcía era o xigante, e Cambados o parrulo feo...

-Si... Eu tiven a sorte de adestrar un grande Inelga. Teño moi bos recordos do traballo co equipo daqueles dous anos. De xente como Patricio Serqueira, Pablo Villaronga, o propio Alberto Rodríguez, David Llorente, Lois... Cambiou, cambiou. O epicentro do masculino pasou a Cambados.

-Colle o banquiño de quen vén de ser o último equipo revelación da LEB Prata. Cos recurtes anunciados, ninguén imaxina en Cambados outro subcampionato. A falta de plantel, inda coas moedas na man, ¿que pretende cociñar Chiqui Barros cos ingredientes que vai comprar no mercado?

-Pois o mellor equipo posible. Penso que todas as comparacións son odiosas. O ano pasado foi fantástico. Pero foi outro ano. Iso pregunteino moito. O club entende que ten que seguir adiante, e que o obxectivo é quedar na LEB Prata. Iso non quere dicir, e quen me coñece o sabe, que vaia renunciar a nada. Iremos adestramento a adestramento, e despois a Liga porános onde nos corresponda. Coa meta de ser con moita diferenza mellor equipo ao final có principio.

-En Cambados pasouse do poderío defensivo do Xuven de Yago Casal ó furacán ofensivo do de Hoyo, para ver o alumno Manu Santos superar os seus mestres cun 2x1 por momentos próximo á perfección. ¿Cal será o seu modelo?

-Pois... Primeiro teño que ver o plantel que teño, e despois imos tentar ser o mellor equipo en todo. Hai que atacar ben, defender ben, ser bos nas transicións ofensivas, moi, moi bos nas transicións defensivas, e bos nas situacións especiais. Os meus equipos soen ser moi bos defensivamente. Son dos que pensa que desde a defensa se contrúe todo. Pero gustaríame que fixeramos ben todo.