A Federación anima os cambadeses a gozar do seu triatlón

CAMBADOS

MARTINA MISER

A segunda edición da proba popular cubríu as súas 200 prazas na liña de saída do sábado

23 jun 2017 . Actualizado a las 13:26 h.

A segunda edición do Triatlón Popular Concello de Cambados foi presentada onte en sociedade. Co concelleiro de Deportes, Víctor Caamaño, acompañado polo presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís, polo director de carreira e representante da firma organizadora Lodeco, Miguel Fernández, e polo técnico de deportes municipal, Alfredo Oliveira. Os catro coincidiron en animar os veciños da vila do albariño a sumarse á proba gozando da mesma coma espectadores, toda vez que a inscrición xa está pechada logo de cubrirse as 200 prazas fixadas coma tope.

Ás seis da tarde arrincará a carreira, desde o Illote de San Sadurniño. Un chisco máis tarde co ano pasado por mor, explicaba Caamaño, da marea, e que quizais rematen agradecendo os participantes «na parte ciclista e de carreira a pé» polo calor, sinalou. Tras os 750 metros a nado, a escalinata de San Tomé dará paso á transición cara aos 20 quilómetros de bicicleta dunha proba de distancia esprint con catro voltas e o peirao de Tragove na outra punta do circuito. Finalmente, outros 5.000 metros de carreira a pé, repartidos en dúas voltas polo paseo marítimo.

Entre os favoritos, informa a organización, figuran Nico Domínguez, Fady Hout, gañador a semana pasada do triatlón de Negreira, e José Manuel Pardo Leis, no cadro masculino, e Sara Castillo, Malvina Tarrío e Laura Valente, no feminino.

Desde o Concello de Cambados Víctor Caamaño e Alfredo Oliveira quixeron agradecer a axuda desinteresada que proporcionaron os clubs locais C.C. Salnés, Piragüismo Cambados e Club Atletismo Cambados. E tamén se pedíu a colaboración da cidadanía coa súa comprensión ante os cortes de tráfico que requirirá a proba.