David Lariño e Miguel Senlle coróanse en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O Gran Mestre e excampión de España fíxose co título galego de lóstrego, e o MF co de rápidas

23 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O recinto feiral de Fexdega foi a pasada fin de semana o escenario central do xadrez da nosa Comunidade. Coa disputa dos campionatos galegos das modalidades de lóstrego, o sábado, e de rápidas, o domingo. E con dous nomes que acapararon o protagonismo. O do Gran Mestre e excampión de España de lentas, David Lariño (Escola Luguesa), e o do Mestre FIDE da Universidade de Vigo Miguel Senlle.

O primeiro fíxose co título de campión de xadrez lóstrego, unha modalidade na que a competición, baixo o sistema suízo a nove roldas, lles impón un ritmo de xogo de 3 minutos máis 2 segundos/xogada aos seus competidores. David Lariño asinou un torneo perfecto, impoñéndose nas súas nove partidas. Diego Espiñeira, Mestre Internacional do Ajedrez Padrón, foi o subcampión cun punto menos, con Miguel Senlle pechando o podio nun empate a 7 puntos con Fernando Sánchez (Xadrez Rianxo), outro Mestre FIDE, e con Rafael Rodríguez, Mestre Internacional do Xadrez Tui. o Mestre FIDE Dan Cruz foi o mellor competidor do anfitrión Club Xadrez Fontecarmoa, décimo con 6 puntos nunha clasificación xeral con 81 participantes.

Ao día seguinte, o domingo, o título do Campionato Galego de Xadrez Rápido foi parar a mans de Miguel Senlle. No seu caso, pese a ceder un punto, rematando como único xogador quen de acadar os 8 puntos. David Lariño foi desta volta subcampión, cos mesmos 7,5 puntos có outro Gran Mestre presente na cita, o no seu día campión do mundo Sub-18 Ibrahim Khamrakulov, do Villa de Bouzas, e do xadrecista local Dan Cruz. O ritmo de xogo era nesta modalidade de 10 minutos máis 5 segundos/xogada.

 

Resultados do Torneo Santa Rita

O sábado, en paralelo ao Galego de Lóstrego, en Fexdega disputouse o Torneo Santa Rita de categorías base, puntuable para o Circuito Galego de Promoción. Pablo Lobato e Andrés Rodríguez, do C.X. Fontecarmoa, foron o campión e subcampión en categoría Sub-14, con Biljana Prol, do X Torre Cambados, terceira en féminas. César Oubiña (C.A. Albariño), acabou terceiro en Sub-8, con Irene Diz (C.X. Fontecarmoa), segunda rapaza. Tamén en féminas, Paula Suárez e Marta Rodríguez (C.X.F.) foron segunda e terceira na Sub-10; e a súa compañeira Iria Rodríguez terceira na Sub-12.